Estás en:Novas

A Deputación financia a contratación de seis traballadores no Concello de Muros

O prazo de presentación de instancias remata mañá

As contratacións son financiadas polo programa PEL-Concellos, que este ano permite a creación de 428 empregos nos concellos da provincia

A Deputación financia a contratación de seis traballadores no Concello de Muros

Mañá mércores, 20 de maio, remata o prazo de presentación de instancias para o proceso selectivo de contratación de seis peóns albaneis que conformarán unha cuadrilla municipal de obras e servizos mínimos no Concello de Muros.

Os custos laborais e de Seguridade Social destas contratacións asúmeos integramente a Deputación da Coruña a través da liña de apoio aos concellos do Plan de Emprego Local (PEL-Concellos), dotada con 3 millóns de euros, dos que Muros recibe este ano 46.000 €.

Os seis operarios seleccionados realizarán obras e servizos municipais como o mantemento de camiños e vías de acceso municipais a distintos núcleos de poboación do concello, a limpeza de cunetas ou a reparacións de parques, áreas recreativas e instalacións municipais.

Entre os requisitos que deben cumprir os/as aspirantes a estes postos de traballo, figuran ter cumpridos os 16 anos de idade e estar inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes de emprego.

Destinado a desempregados/as con dificultades para a integración laboral

Así mesmo, a Deputación esixe nas bases do programa que a contratación beneficie especialmente a aqueles colectivos máis afectados polo desemprego: maiores de 45 anos, parados de longa duración, persoas cun grao recoñecido de discapacidade, persoas pertencentes a fogares con todos os seus membros en paro, vítimas de violencia de xénero, persoas en risco de exclusión social ou mulleres, dado que o índice de paro rexistrado entre as mulleres é sensiblemente superior ao dos homes.

Dentro destes colectivos, outorgaranse puntos extra a aquelas persoas que teñan rematado favorablemente programas de capacitación, formación e integración no mundo laboral organizados ou financiados polas administracións públicas.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, afirmou que o programa será especialmente útil este ano xa que ademais de "ofrecer unha oportunidade laboral centos de persoas con especiais dificultades para atopar un emprego nun contexto social e económico tan difícil coma o actual", o persoal contratado "permitirá aos concellos afrontar labores que van ser fundamentais na loita contra a covid-19 coma a limpeza de rúas e espazos públicos".

O programa PEL-Concellos creou preto de 2.000 postos de traballo desde a súa creación e permitirá que 428 persoas máis accedan a un emprego no seu municipio este ano.

Páxinas suxeridas