Estás en:Novas

O Foro Turismo Covid 19 remata este xoves cun avance de conclusións para a reactivación do sector

Recursos como artesanía e gastronomía destácanse como elementos de interese para a dinamización do sector co turismo de experiencias

O Foro Turismo Covid 19 remata este xoves cun avance de conclusións para a reactivación do sector

Despois de nove sesións de debate coa participación de máis de cincuenta especialistas e máis de mil persoas de oíntes, o Foro Turismo Covid 19 chega ao seu fin este xoves día 21 cunha xornada en que se avanzarán as principais liñas para a reactivación do sector. A profesionalización, o turismo de proximidade, a garantía de seguridade e a calidade adiántanse como as principais bazas para se impor no mercado do turismo post Covid19.

Seis especialistas ademais do vicepresidente e deputado de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e o moderador do Foro, o profesional da comunicación e empresario de Turismo, Pepe Formoso, participarán na última das xornadas do Foro Turismo Covid 19 que terá lugar este xoves 21 de maio ás 11 horas, un mes despois de que se iniciara a primeira das nove sesións en que se organizou un programa que visitou os principais ámbitos e temas do sector turístico.

Desta volta, serán o profesor de Turismo da UDC, Carlos Rodríguez, o presidente da Asociación Galega de Axencias de Viaxes (AGAVI), Juan A. Rivadulla, a xerente do Consorcio de Turismo da Coruña, Lanzada Calatayud, a presidenta da Asociación de Profesionais de Turismo de Galiza (PORTURGA), a técnica de turismo do concello de Dumbría, Ada González e a responsable da axencia de marketing turístico "Culturoskopio" e de turismo activo, "Volta Montana", Cristina Collazo, as encargadas de poñer o ramo ao ciclo de debates que convocou a especialistas dos distintos ámbitos do sector turístico, desde o académico até o empresarial pasando polo público ou a comunicación.

A artesanía como recurso turístico

Na última das sesións, abordáronse distintos produtos turísticos, con especial atención a elementos como a gastronomía ou artesanía, como recursos para a dinamización do sector por medio de produtos que integren distintos sectores e axentes que están presentes no territorio. Neste sentido, a zoqueira Elena Ferro, a cesteira Idoia Cuesta, o secretario da asociación Olería de Buño, Eloi Mancebo e a directora do Encaixe de Camariñas, Dolores Lema destacaron a potencialidade da artesanía á hora de elaborar produtos turísticos integrais que proporcionen experiencias únicas ás persoas visitantes.

A creación de novos produtos turísticos innovadores e diferenciados, coa cultura, tradición e gastronomía como recursos de interese, foi un dos principais temas da xornada que apostou por dar valor ao propio e potenciar a competitividade do territorio no mercado turístico. Nas dúas sesións, as persoas participantes apostaron por dar valor aos recursos nunha oferta turística intelixente e eficiente en termos de utilidade e rendibilidade.

"Unha das conclusións da xornada foi a necesidade de perfeccionar na paquetización das experiencias turísticas, xerar o valor que, por exemplo, engade a artesanía ou a gastronomía", sinalou no encontro o vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira.

Na súa intervención, Regueira destacou que é preciso "ter unha estratexia que se traduza en rendemento económico para o sector e para a xente que traballa nel e, por iso, máis unha vez está claro que o turismo ten que estar xestionado desde o ámbito profesional tanto na administración pública como no sector privado".

Neste sentido, na xornada afondouse nas potencialidades que o territorio galego ten para atraer turismo despois da COVID19 por ser un destino non masificado e con interesantes recursos para o turismo seguro e saudábel. Na xornada participou a cociñeira Beatriz Sotelo, a zoqueira Elena Ferro, o xornalista especializado Guillermo Campos de HG&T, María Mesías de Goodlife Consultores, o presidente da Asociación Galega de Albergues Privados (Agalber) Miguel Angel Rodríguez e o xornalista, politólogo e xestor cultural, Aser Álvarez en sesión de mañá e César Abella director de Trivium estratexias en cultura e turismo, Eloi Mancebo, Secretario da asociación Olería de Buño, Manuel Rey, redactor de GCiencia, o colaborador da revista HG&T, Victoriano Castro, Idoia Cuesta artesá de cestería contemporánea e Dolores Lema, directora da Mostra do Encaixe de Camariñas, na sesión de tarde. 

Páxinas suxeridas