Estás en:Novas

A Deputación e o Concello de Carnota cofinancian a construción do novo centro social de Valadiño

As obras suporán un investimento de máis de 95.000 euros para dotar á veciñanza dun centro no que levar a cabo diferentes actividades sociais, lúdicas e culturais

A Deputación e o Concello de Carnota cofinancian a construción do novo centro social de Valadiño

A Deputación da Coruña e o Concello de Carnota investirán 95.260,57 euros nas obras de construción do novo centro social de Valadiño.

A Deputación achega, a través do Plan Único (POS+2019), un total de 93.477,66 euros, mentres que o Concello complementa o financiamento con 1.792,91 euros de fondos propios. As obras están en fase de licitación ata o vindeiro 26 de maio.

O centro situarase en Valadiño, preto de Vilar de Outeiro, no límite do Concello de Carnota co de Mazaricos, nunha parcela cunha superficie de 18.390 metros cadrados na que existen actualmente unhas edificacións de 551 m2 e unha pista polideportiva. A parcela conta cun acceso axeitado a través da estrada Gosende-Arcos.

O centro permitirá que a veciñanza leve a cabo diferentes actividades sociais, lúdicas e culturais coma reunións, cursos ou acollemento de exposicións e disporá dunha cociña, un aseo adaptado para persoas con mobilidade reducida, un pequeno almacén e un porche posterior cunha terraza cuberta e con equipamento para que os veciños podan facer barbacoas.

Páxinas suxeridas