Estás en:Novas

A Deputación e Concello de Oleiros cofinancian a contrución dunha pista de patinaxe de velocidade en Bastiagueiro

As obras están en fase de licitación ata o 27 de maio cun orzamento de 430.419 euros

A pista contará con 200 metros de corda, polo que poderá acoller incluso campionatos nacionais desta disciplina deportiva

A Deputación e Concello de Oleiros cofinancian a contrución dunha pista de patinaxe de velocidade en Bastiagueiro

A Deputación da Coruña e o Concello de Oleiros investirán 430.419,71 euros nas obras de construción dunha pista de patinaxe de velocidade en Bastiagueiro (Oleiros), que contará con 200 metros de corda, polo que poderá acoller incluso campionatos nacionais desta disciplina deportiva.

A Deputación achega, a través do Plan Único (POS+2019), un total de 413.561 euros, mentres que o Concello complementa o financiamento con 16.858,58 euros de fondos propios. As obras están en fase de licitación ata o vindeiro 27 de maio.

A nova infraestrutura situarase ao carón das pistas do INEF e da estrada AC-173, na avenida Ernesto Che Guevara da localidade oleirense, entre a praia de Bastiagueiro e o parque de Liáns e solucionará a falta de instalacións deportivas aptas para o desenvolvemento deste deporte, fortemente consolidado en Oleiros, que conta cun club que participa de maneira habitual en diferentes competicións autonómicas, nacionais e incluso internacionais.

A nova pista contará con 200 metros de corda interior e 6 metros de ancho, con acabado en microaglomerado e acondicionamento do recinto interior da mesma para zona multiusos e zona de escape dos patinadores/as. A lonxitude das dúas rectas representará o 55% da lonxitude da pista, mentres que as curvas representarán o 45% restante.

A pista irá pechada no seu borde exterior cun valado de policarbonato liso e transparente de 120 cm de altura con pasamáns continuo metálico, esquinas redondeadas e panel de seguridade inferior de noepreno ou madeira que garanta a protección contra os golpes sen supor un risco para os deportistas.

Nas rectas disporanse portas de acceso cunha anchura de 1,20 metros, que abrirán en sentido antihorario cara o exterior da pista, asegurando sempre a continuidade do valado.

O acabado da pista será de microaglomerado sobre unha capa delastro artificial de 40 cm de espesor, de forma que permita unha rápida drenaxe da auga da choiva e, á súa vez, cumpra cos requisitos de rugosidade e esbaracidade necesarios para o correcto desenvolvemento do patinaxe de velocidade, segundo a normativa actual.

As pista de patinaxe contará cunha plataforma peonil perimetral construída no mesmo material e confinado entre bordos de formigón. No interior habilitarse unha pista multideporte, que cumprirá a normativa INDE para pistas polideportivas e que poderá ser usada para a práctica de diferentes deportes.

Páxinas suxeridas