Estás en:Novas

A Deputación da Coruña publica as bases dos premios culturais

Artesanía, artes gráficas, banda deseñada, música, iniciativas pola igualdade e tres modalidades literarias son obxecto dos oito certames convocados

A Deputación da Coruña publica as bases dos premios culturais

A área de Cultura da Deputación da Coruña publica as bases dos oito premios culturais que se convocan este ano e que recoñecerán as mellores obras presentadas de artesanía, artes gráficas, banda deseñada, música, narrativa, poesía, literatura infantil e xuvenil e tamén iniciativas culturais pola igualdade. Para o deputado de Cultura, os premios responden ao "compromiso coa creación cultural, a grande esquecida nos plans de recuperación do sector".

O BOP deste venres día 22 publica as bases dos oito premios que a área de Cultura da Deputación da Coruña convoca neste ano. Trátase dos Torrente Ballester de narrativa en galego e castelán, o Antonio Fraguas de artesanía, o Miguel González Garcés de Poesía, o Raína Lupa de literatura infantil e xuvenil, o Fran Pérez "Narf" para grupos e artistas musicais, o Jesús Núñez de Arte Gráfica e o Begoña Caamaño á acción social pola igualdade de xénero. No diario oficial da Deputación recóllense as bases e en poucos días sairán publicados os prazos de entrega de obras que este ano se tramitará de xeito telemático, a través da plataforma de tramitación electrónica da Deputación (SUBTEL).

"Coa convocatoria dos premios neste momento tan difícil queremos apoiar a creación nas diversas disciplinas, un ámbito que se está a esquecer nos plans de axuda para a recuperación da cultura cando é un ámbito fundamental para revitalizar o sector coa crise provocada pola pandemia", sinala o deputado de Cultura, Xurxo Couto.

Dos premios que este ano se convocan, o Torrente Ballester de narrativa chegará a súa 32 edición como o máis lonxevo do catálogo de certames culturais da Deputación da Coruña, seguido do González Garcés de poesía que cumpre este ano a súa vixésima convocatoria. Quince serán as edicións que cumpran o Castelao de Banda deseñada e o Premio Internacional "Jesús Núñez" de arte gráfica, unha máis que o Raína Lupa de Literatura infantil e xuvenil, dúas máis que o Fraguas de artesanía e tres máis que o Fran Pérez Narf para grupos e artistas musicais.

O máis novo dos premios que se convocan este ano é o Begoña Caamaño de iniciativas culturais pola igualdade de xénero que dará neste ano o seu cuarto premio. Os premios están dotados con 6.500 € en cada unha das modalidades nos casos dos premios literarios, de artesanía, de artes gráficas e de iniciativas pola igualdade ao que se engaden outras gratificacións como compromiso de publicación das obras no caso dos certames literarios e de banda deseñada, adquisición de obras até 8.000 € no caso do XIII Antonio Fraguas, e dous accésits consistentes en bolsas de matrícula dun módulo do máster de Obra Gráfica da Fundación CIEC no caso do Jesús Núñez

No caso do XII Concurso Fran Pérez Narf para grupos e artistas musicais, os premios son de 3.000, 2.000 e 1.500 euros para os 1º, 2º e 3º clasificados e 1.000 para o 4º e 5º.

Máis información e bases completas en: https://bop.dicoruna.es/bopportal/cambioBoletin.do?fechaInput=22/05/2020

Páxinas suxeridas