Estás en:Novas

A Deputación da Coruña organiza un ciclo na rede arredor da menopausia

Especialistas de distintos ámbitos participarán no programa organizado pola área de Igualdade con motivo do Día Internacional da Acción pola Saúde das Mulleres

A Deputación da Coruña organiza un ciclo na rede arredor da menopausia

Cinco especialistas que traballan no ámbito sanitario desde a perspectiva de xénero participan no ciclo "Conversas sobre a menopausia" que organiza a área de Igualdade da Deputación da Coruña para conmemorar o "Día Internacional da accións pola Saúde das Mulleres" que se celebra o 28 de maio. As charlas publicaranse nas redes sociais da Deputación da Coruña.

"Conversas sobre a menopausia" é o título do programa das cinco charlas que a área de Igualdade organiza con motivo do 28 de maio "Día Internacional de acción pola Saúde das Mulleres" que, desta volta, por motivo da situación provocada pola Covid19, se desenvolverán de maneira virtual, a través das redes sociais da Deputación da Coruña.

O obxectivo do programa é ofrecer unha proposta divulgativa composta por cinco conversas con profesionais de diversos eidos que ofrecen unha visión realista e normalizadora da menopausia, rompendo estereotipos e fuxindo da súa patoloxización. "A menopausia é un dos temas da saúde que nunca se aborda na súa verdadeira dimensión, coas implicacións que ten para a vida das mulleres. Seguindo na liña de contribuír á achegarse a saúde desde unha perspectiva de xénero, como se fixo en anos anteriores con outras temáticas, non teño dúbida de que este era un tema será de interese para moitas mulleres e ofrecerá unha visión sen tabús e desde o moito que ten que importar a saúde das mulleres", sinala a deputada de Igualdade, María Muíño.

Cun formato de entrevista, as xornalistas Sonia López e Marián Fernández conversan coa endocrinóloga e unha das pioneiras do Estado en incluír a perspectiva de xénero na medicina, Carme Valls, a xerontóloga feminista e psicóloga, Anna Freixas, a xinecóloga e sexóloga, Rosa Almirall, a doutora en ciencias da actividade física e o deporte e profesora da UDC, Cristina López Villar e a antropóloga e profesora da USC, Guadalupe Jiménez Esquinas.

Os vídeos penduraranse na páxina web e redes sociais da Deputación da Coruña a partir do vindeiro luns 25 de maio. O programa, desta volta con formato virtual, dá continuidade á liña de traballo da área de Igualdade da Deputación da Coruña para sensibilizar e formar arredor da saúde desde o punto de vista de xénero. En anos anteriores, desenvolvéronse de maneira presencial para a conmemoración do Día Internacional da Acción pola Saúde das Mulleres xornadas sobre endiometriose, saúde laboral e saúde e sexualidade. 

Páxinas suxeridas