Estás en:Novas

A Deputación da Coruña ilumínase de lila polo Día da acción pola Saúde das Mulleres

Conmemora a data cun programa sobre a menopausa organizado pola área de Igualdade con motivo do Día Internacional da Acción pola Saúde das Mulleres

A Deputación da Coruña ilumínase de lila polo Día da acción pola Saúde das Mulleres

O edificio central da Deputación da Coruña iluminarase este xoves día 28 de maio de cor lila para conmemorar a celebración do "Día Internacional da accións pola Saúde das Mulleres". Con motivo da data, a área de Igualdade organiza un ciclo de charlas a través da rede sobre a menopausa con especialistas de distintos ámbitos sanitarios.

Coincidindo coa conmemoración deste 28 de maio do Día Internacional da acción pola Saúde das Mulleres, a área de Igualdade da Deputación da Coruña publicará nas redes a segunda das "Conversas sobre a menopausa", un programa de cinco charlas que teñen como obxectivo ofrecer, a través da rede, unha proposta divulgativa por medio de profesionais de diversos eidos que ofrecen unha visión realista e normalizadora da menopausa, rompendo estereotipos e fuxindo da súa patoloxización.

A Deputación da Coruña conmemora por cuarta edición consecutiva a data, nesta ocasión, por primeira vez de maneira virtual, despois de que en anos anteriores se realizaran xornadas presenciais sobre a endometriose, saúde laboral e saúde e sexualidade. "Decidimos conmemorar esta data porque, máis que nunca, consideramos que é preciso unha visión desde unha perspectiva de xénero da saúde, tendo en conta cuestións que, como a que nos ocupa este ano, son importantes para as mulleres e desatendidas no sistema sanitario", sinala a deputada de Igualdade, María Muíño.

Baixo un formato de entrevista, as xornalistas Sonia López e Marián Fernández conversan coa endocrinóloga e unha das pioneiras do Estado en incluír a perspectiva de xénero na medicina, Carme Valls, a xerontóloga feminista e psicóloga, Anna Freixas, a xinecóloga e sexóloga, Rosa Almirall, a doutora en ciencias da actividade física e o deporte e profesora da UDC, Cristina López Villar e a antropóloga e profesora da USC, Guadalupe Jiménez Esquinas. 

Páxinas suxeridas