Estás en:Novas

A Deputación da Coruña impulsa a campaña pola diversidade sexual "Liberdade de Ser e Sentir!"

A área de Igualdade convida a participar concellos e entidades das que xa se adheriron máis de 25

A Deputación da Coruña impulsa a campaña pola diversidade sexual

A área de Igualdade da Deputación da Coruña pon en marcha a campaña "Liberdade de ser e sentir!" con motivo da conmemoración o vindeiro 28 de xuño do "Dia da diversidade sexual". A campaña quere contribuír á eliminar a discriminación e sensibilizar sobre a importancia da tolerancia e a igualdade no trato ás persoas, independentemente da súa orientación sexual e identidade de xénero.

Até o momento, máis de 25 concellos e entidades xa se adheriron á iniciativa. Na campaña, promovida pola área de Igualdade da Deputacion da Coruña poden participar todos os concellos e entidades da provincia que traballen polos dereitos do colectivo LGTBQI, ou en materia de promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero.

Debido á situación que estamos a vivir provocada pola COVID-19, todas as actividades que se realicen este ano serán en formato dixital e estarán dispoñibles do 8 ao 28 de xuño na web seresentir.gal. Entre as actividades que se realizarán dentro da campaña están palestras e entrevistas virtuais relacionadas coa diversidade sexual tratadas desde diferentes ámbitos sociais, contacontos LGTB e difusión dunha serie web sobre educación sexual para adolescentes, ademais doutros recursos e contidos.

As actividades complementaranse cun plan de comunicación e difusión para dar a coñecer a campaña mais, sobre todo, para facer que o conxunto das veciñas e veciños da provincia participen activamente non só na visualización das actividades dixitais, senón tamén no concurso que se vai organizar.

A Deputación da Coruña, a través da área de Igualdade, quere animar á participación activa dos concellos e entidades coa finalidade de que esta acción de sensibilización teña o maior alcance posible, xerando unha sociedade máis tolerante e igualitaria.

Até o momento, máis de 25 concellos e entidades xa manifestaron a súa vontade de adherirse á Campaña, rematando o prazo o próximo mércores 3 de xuño. "Facemos un chamamento para amplificar a mensaxe e que esa data sexa realmente de celebración de pasos dados pola eliminación da discriminación dun colectivo que desexa vivir en igualdade", sinala a deputada de Igualdade, María Muíño.

Os concellos ou entidades que se queiran sumar á campaña poden enviar un correo electrónico a info@seresentir.gal e recibirán toda a información sobre o proceso de adhesión ou calquera outra cuestión.