Estás en:Novas

A Deputación reclama que as entidades locais poidan usar os seus remanentes para paliar as consecuencias sociais e económicas da Covid-19

Insta á Xunta de Galicia a "apoiar unha demanda unánime do municipalismo", que permitiría ás entidades locais afrontar os gastos derivados da pandemia e o desenvolvemento de plans de reconstrución

O pleno aproba unha moción de apoio aos traballadores de Alcoa e Alu Ibérica e demanda que se garanta a continuidade da actividade industrial e do emprego na antiga Alcoa –Coruña

A Deputación reclama que as entidades locais poidan usar os seus remanentes para paliar as consecuencias sociais e económicas da Covid-19

O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe dúas mocións presentadas polo Goberno provincial (PSOE-BNG) e o Partido Popular instando ao Goberno de España a permitir que as entidades locais podan usar o seu superávit e remanentes de tesourería para financiar medidas que axuden a paliar as consecuencias sociais e económicas da crise provocada pola Covid-19.

No texto proposto polo Goberno provincial, que contou cos votos favorables de PP, PSOE, BNG e Marea Atlántica e a abstención de Alternativa dos Veciños, apúntase que concellos e deputacións levan desde o inicio da crise atendendo as necesidades que provocou a pandemia "cuns recursos propios que son moi limitados, eliminando partidas orzamentarias con outros destinos para cubrir necesidades urxentes". Ademais, lémbrase que "son as entidades locais as que levarán a cabo plans de reconstrución local co obxectivo de paliar os efectos que a pandemia está a ter no emprego".

A Deputación subliña que remanentes e superávit son "os aforros locais" de concellos e deputacións, cifrados en 28.000 millóns de euros, son froito da "boa xestión" levada a cabo durante anos no eido municipal e representan "o único recurso dispoñible" para facer fronte aos gastos derivados da situación extraordinaria que estamos a vivir, xa que a alternativa sería acudir ao financiamento externo mediante a concertación de novos préstamos, "o que xeraría un maior endebedamento do sector público".

Ademais de solicitar ao ao Goberno de España que permita o uso destes "aforros locais", instáselle tamén a adoptar medidas que flexibilicen o impacto do uso dos remanentes na estabilidade orzamentaria e regra de gasto.

O texto proposto polo Partido Popular, moi similar na parte dos acordos a tomar, saíu adiante cos 14 votos do PP e a abstención de PSOE, BNG, Marea Atlántica e Alternativa dos Veciños.

Nesta moción, a Deputación insta ao Goberno a "non utilizar os poderes excepcionais do estado de alarma para apropiarse dos aforros das entidades locais" e "flexibilizar as regras para o uso de superávit".

O texto reclama que os concellos podan usar estes recursos "para paliar a dramática situación que teñen moitas familias, moitos autónomos e pemes do noso país" e cumprir o acordado entre FEMP e Goberno de España o pasado 20 de abril para non acometer cambios no uso destes fondos "sen estar previamente consensuados coas entidades locais".

Petición de apoio da Xunta ante "unha demanda unánime do municipalismo"

Na moción proposta por PSOE e BNG, a Deputación da Coruña insta tamén á Xunta de Galicia a solicitar ao Goberno de España estas medidas que permitirían ás entidades locais afrontar os gastos derivados da pandemia e o desenvolvemento de plans de reconstrución.

Sobre este punto, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, afirmou a súa "preocupación" e "sorpresa" porque a Xunta "non explicite a súa posición nun tema tan crucial para os concellos".

Tamén incidiu neste aspecto, o voceiro do grupo socialista, Bernardo Fernández, que explicou que algunhas comunidades reclaman xestionar os superávit dos municipios e pediu que a Xunta de Galicia "apoie e secunde unha petición unánime do municipalismo, xa que non sabemos cal é o seu posicionamento".

A portavoz do BNG, María Muíño sostivo que "estamos totalmente de acordo en que cada entidade local xestione os seus remanentes e que non sexa outra administración a que se apropie deles":

Alberto Lema, portavoz de Marea Atlántica, mostrouse favorable á autonomía local "fronte a inxusta Lei Montoro, que imputa o custo da débeda aos concellos, pese a que son as administracións menos endebedadas".

Ángel García Seoane, portavoz de Alternativa dos Veciños, anunciou a súa abstención en ambos os dous textos ao pensar que debería tratarse dunha declaración institucional e unánime de todos os grupos, que debería repetirse cantas veces faga falta. "A Dios rogando e co mazo dando", afirmou.

"Todos estamos de acordo en que o diñeiro das entidades locais ten que ser para as entidades locais, que son as que están máis preto dos cidadáns", afirmou a portavoz do Partido Popular, Rosa Gallego, reclamou que eses fondos contribúan a recuperación económica tras a covid e lembrou que só se ten autorizado o uso do 20% para gastos sociais.

Apoio aos traballadores de Alcoa e Alu Iberica

O pleno aprobou tamén co voto favorable de todos os grupos unha moción proposta por Marea Atlántica en apoio aos traballadores de Alu Ibérica ante a situación de incerteza que están pasando nestes momentos

A Deputación demanda ao Goberno de España e á Xunta de Galicia que investiguen a venda de Alu Ibérica a Grupo Riesgo e que se garanta a continuidade da actividade industrial e do emprego na antiga Alcoa –Coruña.

Valentín González Formoso, afirmou que "na Deputación da Coruña non só nos preocupa a situación da planta da Coruña, senón tamén a de Alcoa en Cervo. O asunto Alcoa debe ser un asunto de dimensión galega", afirmou o presidente que considerou que "unha das cousas que a pandemia nos ensinou é a dependencia que ten España da produción industrial de China e outros países asiáticos", como se veu nesta crise coas máscaras ou os respiradores.