Estás en:Novas

A Deputación creará en Moeche un Centro Comarcal de Apoio ao Desenvolvemento Rural

O centro, que dará servizo aos concellos de Moeche, San Sadurniño, Valdoviño e Cerdido, pasará a integrarse na Rede Provincial de Espazos de Coworking que impulsa a Deputación nas diferentes comarcas

Permitirá que os pequenos produtores locais do sector agrícola poidan transformar os seus produtos frescos en elaborados

A Deputación creará en Moeche un Centro Comarcal de Apoio ao Desenvolvemento Rural

O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe por unanimidade un convenio co Concello de Moeche para financiar as obras de acondicionamento dunha nave municipal e transformala nun Centro Comarcal de Apoio ao Desenvolvemento Rural que no futuro se integrará na Rede Provincial de Espazos de Coworking da institución provincial

A Deputación financiará o proxecto cunha achega de 103.545,99 euros, que supoñen o 66% do custe; mentres que o Concello de Moeche achegará o 34% restante.

O obxecto das obras é rehabilitar e acondicionar unha nave en desuso no recinto feiral municipal e urbanizar a súa contorna para transformala nun centro comarcal de traballo colaborativo orientado á elaboración, transformación e venda de produtos agroalimentarios. O novo centro dará servizos a pequenos produtores locais dos concellos de Moeche, San Sadurniño, Valdoviño e Cerdido, axudándolles a crear máis valor para os seus produtos.

Dedicado á transformación alimentaria de produtos locais

As obras consistirán en adecuar a nave ás necesidades dun centro de transformación alimentaria de nivel comarcal, constituíndo así un complemento ás actividades que se veñen realizando no recinto feiral. Trátase de apoiar o desenvolvemento dos pequenos produtores da zona que, contando con pequenas cantidades de materias primas de grande calidade, precisan poder comercializalos en condicións adecuadas. A nova instalación distribuirase en tres grandes zonas, unha zona central de servizos comúns, unha zona para obradoiro hortofrutícola e outra zona para obradoiro de mel.

Con esta iniciativa, a Deputación da Coruña e o Concello de Moeche pretenden promover a sustentabilidade económica, social e ambiental da comarca; diversificar a economía de base local e apostar pola recuperación do sector primario. O centro servirá ademais para dar viabilidade a moitas pequenas explotacións agropecuarias e a pór en valor a calidade dos produtos autóctonos da horta e do campo, que contarán con todas as garantías hixiénicas e sanitarias esixidas pola normativa vixente.

A creación deste centro, resposta a unha demanda reiterada por parte dos diferentes sectores  produtores e das diferentes asociacións, debido ás dificultades coas que se atopan á hora de engadir valor aos seus produtos debido ao tamaño reducido da meirande parte das explotacións, ao déficit de capacitación e formación no propio sector, e á escaseza de recursos para investimentos de mellora das pequenas explotacións.

Experiencia previa en Brión

A Deputación xa conta con experiencia na posta en marcha de centros destas características. Desde decembro de 2019 está en funcionamento o centro de traballo colaborativo "Transformando en Brión", que permite transformar e dar saída comercial a moitos excedentes de produción que antes se perdían transformándoa en queixos, marmeladas, embutidos, conservas ou zumes que xa se están a comercializar en restaurantes, supermercados e tendas.

Como o centro de Brión, o novo espazo de Moeche, pasará a integrarse na Rede Provincial de Espazos de Traballo do PEL, que ten como obxectivo aglutinar distintos espazos de traballo localizados en concellos da provincia (viveiros de empresas, centros de negocios e coworking) e establecer uns mecanismos de coordinación e colaboración na prestación de servizos a empresas e emprendedores entre os distintos espazos que formen parte dela.

Páxinas suxeridas