Estás en:Novas

A Deputación da Coruña abre un novo prazo para a solicitude de espectáculos da Rede Cultural

Os concellos poderán facer a petición até o 15 de xuño e programar até o 31 de marzo

A Deputación da Coruña abre un novo prazo para a solicitude de espectáculos da Rede Cultural

A área de Cultura da Deputación da Coruña vén de abrir de novo o prazo para solicitar espectáculos da Rede Cultural por parte dos concellos que, excepcionalmente, poderán programar este ano até o 31 de marzo. O período para facer as solicitudes estará aberto até o vindeiro 15 de xuño.

Os concellos poderán facer até o 15 de xuño novas solicitudes do catálogo da Rede Cultural da Deputación da Coruña que este ano, a causa da COVID-19, ampliará o período de programación até o vindeiro 31 de mazo, tres meses máis que os anos anteriores. Con esta medida, a vontade da área de Cultura da Deputación da Coruña é que se manteña o nivel de contratación de anos anteriores e que a cultura profesional padeza no menor grao posíbel os efectos da crise provocada pola pandemia que fixo imposíbel a programación de cultura desde o mes de marzo.

"A ninguén se lle escapa que o sector cultural profesional, en especial a cultura ao vivo, está a padecer de maneira singular os efectos da pandemia coa paralización absoluta de actividade pública. Por esta razón, e tendo como primeiro obxectivo contribuír ao mantemento do emprego cultural, desde a Deputación da Coruña defendemos, tanto para a Rede Cultural como para o conxunto da planificación anual, o criterio de priorizar o investimento dirixido ao campo profesional, para axudar a soster as estruturas e o emprego", sinala o deputado de Cultura, Xurxo Couto que dirixiu unha carta a todos os concellos da provincia informando da ampliación do prazo e da necesidade de apoiar ao sector profesional da cultura.

Con este obxectivo, a área de Cultura da Deputación da Coruña decidiu manter o orzamento pleno previsto para contratar nos programas Escena ao vivo, Visións e Lingua a escena!, nunha aposta por afortalar as posibilidades de recuperación do sector profesional despois do confinamento que pechou teatros, auditorios e impediu espectáculos ao vivo con público. 

Páxinas suxeridas