Estás en:Novas

A Deputación da Coruña mantén o apoio aos festivais que se adapten á actual situación sociosanitaria

A área de Cultura abre un prazo para que reformulen a memoria e orzamento co fin de obter a subvención

A Deputación da Coruña mantén o apoio aos festivais que se adapten á actual situación sociosanitaria

Concellos e entidades organizadoras de festivais terán até un novo prazo aberto até o día 15 para presentar un proxecto e un orzamento adaptado á nova situación sociosanitaria provocada pola Covid19 e acceder ás axudas da Deputación da Coruña. A área de Cultura facilita así a reformulación dos eventos que foran presentados ás dúas liñas de subvención, para festivais ás que destina un millón de euros.

A área de Cultura da Deputación da Coruña quere facilitar a concellos e entidades a posibilidade de axustar os seus festivais ás novas condicións sociosanitarias con novos formatos, capacidades ou soportes abrindo un novo prazo para presentar unha nova memoria do proxecto e un novo orzamento. Até o vindeiro día 15 poderán presentar a nova documentación que axusta os eventos ás medidas de seguridade sanitaria provocadas pola Covid19 que obrigou a cambiar as datas previstas a moitos dos festivais que se presentaran ás liñas de apoio da Deputación da Coruña.

A área de Cultura quere, neste sentido, ter en conta as limitacións impostas por causa da xestión da situación de crise sanitaria ocasionada pola Covid19 e solicita a todos os festivais que, ou ben reformule o contido e orzamento ou comunique a desistencia se a organización considera que é imposíbel o desenvolvemento do evento, pola súa natureza ou polas datas nas que estaba previsto.

"Desde a área de Cultura da Deputación da Coruña apoiamos a realización dos festivais de maneira decidida a través de dúas liñas de axuda porque consideramos que son relevantes non só como plataformas de difusión cultural senón tamén para a dinamización do sector e promoción económica co cal, neste tempo tan difícil coa cancelación absoluta dos espectáculos ao vivo, queremos poñer todas as facilidades para que se poidan desenvolver coas debidas precaucións mais contando con non prexudicar máis aínda ás persoas e pequenas empresas que viven da cultura ao vivo", sinala o deputado de Cultura, Xurxo Couto.

Os que decidan continuar coa organización do festival deberán xuntar un novo orzamento no que poderán incluír os gastos subvencionábeis derivados da organización do evento no seu formato orixinal non recuperábeis no que poderán incluír as indemnizacións orixinadas pola súa anulación.

A área de Cultura anuncia tamén que na convocatoria de 2021 non se terá en conta a edición de 2020 a efectos de valoración, por ser a deste ano en curso unha edición condicionada de xeito moi relevante pola crise do coronavirus.

Imaxe de arquivo: Reunión con Proxecta

Páxinas suxeridas