Estás en:Novas

A Deputación da Coruña abre o prazo para presentar obras aos premios culturais

Oito convocatorias de certames literarios e artísticos estarán abertas até o día 10 de xullo

A Deputación da Coruña abre o prazo para presentar obras aos premios culturais

Oito certames culturais da Deputación da Coruña abren o prazo de presentación de obras que se prolongará até o vindeiro 10 de xullo. Son todos os premios convocados nesta ano, excepto Premio Internacional Jesús Núñez de arte gráfica para o que o período de presentación será de 15 xullo a 11 de setembro.

O día 10 de xullo rematará o prazo para presentar obras para oito dos premios culturais que este ano convoca a área de Cultura da Deputación da Coruña. En concreto será o tempo que teñan as autoras e autores que se queiran presentar ao XV Premio Castelao de Banda Deseñada, ao XIII Certame Antonio Fraguas de Artesanía, o XII Concurso Fran Pérez "Narf" para grupos e artistas musicais, o XX Premio Miguel González Garcés de poesía, o XIII Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil, o XXXI os dous Premios Torrente Ballester de narrativa, en galego e en español,ademais de propostas para o IV Premio Begoña Caamaño para a acción cultural pola igualdade de xénero. O XV Premio Internacional Jesús Núñez de arte gráfica terá o prazo aberto desde o 15 de xullo a 11 de setembro deste mesmo ano.

O BOP da Deputación da Coruña recolle hoxe as datas de presentación que se iniciarán ao día seguinte da súa publicación e as bases da convocatoria pódense atopar no boletín correspondente ao 22 de maio.

Os premios están dotados con 6.500 € en cada unha das modalidades nos casos dos premios literarios, de artesanía, de artes gráficas e de iniciativas pola igualdade ao que se engaden outras gratificacións como compromiso de publicación das obras no caso dos certames literarios e de banda deseñada, adquisición de obras até 8.000 € no caso do XIII Antonio Fraguas, e dous accésits consistentes en bolsas de matrícula dun módulo do máster de Obra Gráfica da Fundación CIEC no caso do Jesús Núñez

No caso do XII Concurso Fran Pérez Narf para grupos e artistas musicais, os premios son de 3.000, 2.000 e 1.500 euros para os 1º, 2º e 3º clasificados e 1.000 para o 4º e 5º.

"Coa convocatoria dos premios neste momento tan complexo queremos apoiar a creación nas diversas disciplinas e contribuír ao recoñecemento e difusión da nosa cultura", sinala o deputado de Cultura, Xurxo Couto. 

Páxinas suxeridas