Estás en:Novas

A Deputación financia a través do Plan Único a rehabilitación da Ponte de Vidán, en Santiago de Compostela

A obra conta cun orzamento de 447.065 euros permitirá a rehabilitación da histórica infraestrutura, que agora está nun estado de conservación deficiente

O Concello de Santiago tamén destinará 286.540,10 euros do Plan Único para o acondicionar o centro sociocultural da Gracia e mellorar a súa contorna

A Deputación financia a través do Plan Único a rehabilitación da Ponte de Vidán, en Santiago de Compostela

A Deputación da Coruña destinará, a través do Plan Único, un total de 733.605,10 euros para financiar na súa totalidade dous proxectos de mellora de infraestruturas no Concello de Santiago de Compostela: a reparación e consolidación da Ponte de Vidán e o acondicionamento da contorna e do edificio do centro sociocultural da Gracia. Ambas as dúas obras están actualmente en fase de licitación pública na Plataforma de Contratación do Estado.

O proxecto para a reparación e consolidación da Ponte de Vidán conta cun orzamento de 447.065 euros, financiado totalmente co Plan Único, e permitirá a rehabilitación dunha infraestrutura histórica que actualmente, debido ao paso do tempo, está  nun estado de conservación deficiente.

Trátase dunha ponte estreita sobre o río Sar, moi preto da desembocadura do Sarela, construída en pedra e formigón armado. Os traballos para a súa rehabilitación incluirán a substitución dos muros dos estribos sobre os que se apoia a actual plataforma, que tamén se cambiará. Só se conservarán os elementos de carácter histórico da pila, da bóveda e dunha parte dos límpanos. Reconstruirase a tallamar, reproducindo as súas antigas dimensións grazas aos restos que se conservan. Ademais, a tubaxe para o abastecemento de auga nesa zona desmontarase e substituirase provisionalmente para, ao remate das obras, restituír o servizo por outra que irá oculta na nova plataforma, ao longo das beirarrúas que se executarán.

Centro sociocultural da Gracia

O proxecto para o acondicionamento da contorna do centro sociocultural da Gracia e do interior do edificio conta cun orzamento de 286.540,10 euros, financiado totalmente polo Plan Único, e inclúe a urbanización da zona e a mellora do edificio para facelo máis accesible.

Os traballos incluirán a reforma do campo da festa e o movemento do cruceiro, que actualmente esta situado na zona central e preténdese resitualo á súa posición orixinal, facendo que gañe presenza e liberando así o centro deste espazo, o que permitirá darlle continuidade aos eventos que alí se celebran. Tamén se cambiará a pavimentación do tramo de vía que está asfaltado entre a pista polideportiva, a capela e o Centro Sociocultural, aproveitando para soterrar as liñas de baixa tensión e telefonía. Ademais trasladarase a unha zona arborada a área de xogos infantil, que agora está baixo unha liña de media-alta tensión onde se plantarán novas árbores, e instalarase un circuíto biosaudable.

No referente ás obras que se han realizar no centro sociocultural, o proxecto contempla a instalación de salvaescadas en todos os tramos do edificio, en paralelo á adaptación dos aseos existentes á normativa de accesibilidade. Por último, dividirase a sala do soto, onde actualmente están as cociñas, para crear alí un espazo de almacenaxe con acceso desde o exterior. Na ludoteca demolerase un tabique para gañar espazo.

Páxinas suxeridas