Estás en:Novas

O servizo de Teleasistencia da Deputación da Coruña xa chega a 2.600 persoas en toda a provincia

O presidente Valentín González Formoso visitou na Coruña a central da Teleasistencia provincial e agradeceu "o gran traballo realizado polas operadoras do servizo para acompañar as nosas e os nosos maiores e dar tranquilidade ás súas familias durante a crise sanitaria"

O servizo incrementou un 68% o número de quen o usa nos últimos tres anos. Durante o estado de alarma rexistráronse 38.527 chamadas e 150 novas altas

Carballo con 141 persoas usuarias, Narón (138), Ribeira (90), Arzúa (78) , Teo (74), Malpica (66), Ortigueira (61) e Culleredo (58) son os municipios con maior número de dispositivos do servizo de teleasistencia provincial

O servizo de Teleasistencia da Deputación da Coruña xa chega a 2.600 persoas en toda a provincia

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a deputada responsable da Área de Benestar Social, Ana Lamas Villar, visitaron esta mañá no polígono de A Grela (A Coruña) a central dende a que a institución provincial presta o servizo de teleasistencia domiciliaria aos 90 municipios da provincia con menos de 50.000 habitantes, todos  excepto as cidades da Coruña, Santiago e Ferrol.

González Formoso agradeceulles ás operadoras "o gran  traballo realizado para acompañar as nosas  persoas maiores que viven soas e dar tranquilidade ás súas familias, que durante os meses de confinamento sabían que se pasaba algo había algúen pendente ao outro lado do botón vermello durante as 24 horas do día". "Sodes un deses servizos esenciais aos que tanto temos que agradecer o seu esforzo durante esta crise", afirmou.

Segundo explicou o presidente, durante os meses de marzo, abril e maio o servizo de Teleasistencia da Deputación atendeu 38.527 chamadas, un 53% máis ca no mesmo período do ano anterior e rexistráronse 150 novas altas, polo que o número total de usuarios  hoxe en día alcanza os 2.570.

"A última vez que visitei este centro, a Teleasistencia da Deputación daba servizo a pouco máis de 1.700 persoas, hoxe son case 2.600 e o noso obxectivo é seguir crecendo ata chegar a 3.300 persoas usuarias", afirmou González Formoso, que lembrou que durante a crise do coronavirus a Deputación simplificou os trámites para acceder de forma urxente á Teleasistencia e reforzou un servizo "do que estamos profundamente orgullosos porque sabemos que é útil e mellora a vida da xente".

Un aspecto no que tamén incidiu a deputada de Benestar Social, Ana Lamas, que destacou que a Teleasistencia da Deputación é gratuíta para quen a use, cuxo perfil tipo é o dunha muller maior de 80 anos que vive soa, aínda que tamén hai unha pequena porcentaxe correspondente a persoas con algún tipo de diversidade funcional.

"Nunha provincia caracterizada polo envellecemento da poboación, especialmente no ámbito rural, cremos que é fundamental ofrecer un servizo coma este", sostivo Ana Lamas, que lembrou que a Deputación segue ofrecendo o servizo de Teleasistencia ás persoas que o demanden a través dos servizos sociais dos concellos.

O presidente e a deputada realizaron sendas chamadas a usuarias da Teleasistencia provincial para comprobar o funcionamento do sistema e coñecer a súa valoración sobre a atención que reciben e sobre a súa utillidade durante a crise do coronavirus.

Carballo, con 141 persoas usuarias, Narón (138), Ribeira (90), Arzúa (78) , Teo (74), Malpica (66), Ortigueira (61) e Culleredo (58) son os municipios que contan con maior número de beneficiarias e beneficiarios do servizo de teleasistencia en toda a provincia.

500 chamadas diarias

"Bó día, Josefina chamo da Teleasistencia da Deputación", así comeza Rocío, teleoperadora do servizo de teleasistencia provincial, unha das 500 chamadas de  control que ela e as súas compañeiras realizan cada día desde a central.

Rocío interésase sobre se a persoa descansou ben, tomou a súa medicación e se atopa en bó estado de saúde, mentres apunta nun programa informático cada detalle que o seu interlocutor lle vai contando a través do intercomunicador que leva consigo as 24 horas do día, co que se crea un expediente individualizado de cadaquén que o usa, que permite un seguimento máis completo e eficaz.

Dende lembrarlles a hora da medicación ou unha cita médica ata felicitar a cada persoa polo seu aniversario ou interesarse polo seu estado de saúde, quen o usa recibe periodicamente chamadas de control dende a central, onde tamén se reciben as súas chamadas no caso de emerxencias ou accidentes ou, simplemente de que a persoa usuaria "queira falar con nós e preguntarnos cómo estamos", explicou Ana Varela, a responsable da central de teleasistencia provincial.

A través dun pequeno botón que cada persoa leva sempre consigo e que incorpora unha liña de conexión telefónica permanente coa central, as persoas maiores dos concellos coruñeses que se benefician deste servizo dispoñen dun seguimento periódico para dar resposta inmediata ás súas necesidades e emerxencias de forma ininterrumpida.

Páxinas suxeridas