Estás en:Novas

González Formoso reuniuse co sector pesqueiro de Malpica, que demanda “cotas xustas que permitan que as empresas sexan sostibles”

O presidente da Deputación visitou tamén o Ecomuseo Forno do Forte, onde se reuniu con oleiras e oleiros, que expresaron a súa preocupación polo peche da empresa que lles subminista o barro

González Formoso escoitou a oleiras e oleiros e comprometeuse a mediar perante a Xunta para buscar unha solución. "A Deputación vai estar aí, non imos deixar caer isto que tanto esforzo custou levantar ao longo dos anos por un problema así. Se o barro está aí hai que permitir extraelo", afirmou

González Formoso reuniuse co sector pesqueiro de Malpica, que demanda “cotas xustas que permitan que as empresas sexan sostibles”

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou hoxe o Concello de Malpica de Bergantiños, onde se reuniu co sector pesqueiro da localidade e coas oleiras e oleiros de Buño.

Acompañado polo alcalde de Malpica, Walter Pardo, e pola concelleira e concelleiro Leticia Naya e Alfredo Cañizo, González Formoso participou hoxe en sendas reunións con ambos os colectivos para interesarse polos problemas que lles afectan.

Na Confraría de Malpica, o presidente e o alcalde participaron nunha reunión co patrón maior, Pedro Pérez, e representantes do sector pesqueiro malpicán, que lles trasladaron a súa demanda dunhas “cotas de pesca xustas que permitan que as empresas do sector sexan sostibles”.

Armadoras e armadores dos barcos do cerco e do día, que xestionan empresas familiares e traballan nos seus propios barcos, consideraron que as cotas actuais “son insuficientes para manter a frota e o emprego que xera” e explicaron que a división de Galicia en dúas zonas de pesca (a VIII ata Fisterra e a IX de Fisterra cara o sur) crea importantes diferenzas cos topes de capturas dentro da comunidade.

 “Mentres na nosa zona temos un tope de 35 toneladas de xurelo para todo o ano, na zona novena teñen 280 toneladas, que ás veces non se cobren”, apuntou un armador. “Teño un tope de 30 quilos de carioca ao día e 5 homes a bordo. Non se pode manter unha empresa así”, explicou outro representante do sector.

As persoas armadoras e padroados  trasladaron tamén a súa petición histórica de que se baixe o IVE ao 4% “a un sector que se demostrou esencial nesta crise, pois a frota apenas parou”.

Aínda que a Deputación non ten competencias en materia de pesca, González Formoso agradeceu as explicacións dos representantes do sector pesqueiro, considerou razoables as súas peticións e expresou a súa preocupación polos “corsés e limitacións” que poñen as distintas administracións competentes , que “non se adaptan á fotografía que nos traslada o sector” e que supoñen atrancos para facer rendible “unha actividade da que viven centos de familias en Malpica e en Galicia”.

Agradézolle ao presidente que quixera estar hoxe aquí para escoitar o persoal mariñeiro de Malpica. Foi unha reunión moi positiva na que o único que pide o sector é que lles deixen traballar cunhas cotas dignas, que lles permitan manter unha actividade tan importante para este pobo e para Galicia como é a pesca”, afirmou o alcalde, Walter Pardo.

O concelleiro Alfredo Cañizo agradeceu “a colaboración co pobo de Malpica” da Deputación e a visita do presidente para coñecer  as reivindicacións dun sector “fundamental” para a localidade.

Visita ao Forno do Forte

Valentín González e Walter Pardo visitaron tamén esta mañá o Ecomuseo Forno do Forte de Buño.

O guía do centro de interpretación, Paco Doval, explicou a historia do lugar, un dos centros etnográficos de referencia da comarca de Bergantiños rehabilitado no seu día pola Deputación para uso museístico, que reproduce como era tradicionalmente a vivenda, a vida cotiá e o oficio de oleiras e oleiros de Buño.

Tras o percorrido polas instalacións, o presidente e o alcalde reuníronse coas oleiras e oleiros de Buño, que expresaron a súa preocupación polo peche da empresa que ten a licenza de minas para xestionar o barreiro local e que é a que lles subministra a materia prima coa que elaboran os seus produtos artesanais.

González Formoso escoitou a oleiras e oleiros e comprometeuse a mediar perante a Xunta para buscar unha solución. “A Deputación tamén vai estar aí, non imos deixar caer isto que tanto esforzo custou levantar ao longo dos anos por un problema así. Se o barro está aí hai que permitir extraelo”, afirmou o presidente, que se mostrou convencido de que “vai ser posible unha solución” para que este colectivo de Buño siga traballando con barro local e “garantir que as xeracións futuras poidan seguir sostendo esta actividade artesanal, que xera emprego e ten un arraigo tan importante nesta comarca”, afirmou.

Tanto Walter Pardo como a concelleira Leticia Naya agradeceron a visita do presidente para interesarse por “unha problemática complicada, pero que ten que contar cunha solución, porque a olería de Buño é un sector tremendamente importante tanto desde o punto de vista histórico coma económico para Malpica”.

Páxinas suxeridas