Estás en:Novas

A Deputación remata as obras da senda peonil que conecta os núcleos da Balada e Vilar de Ferreiros, en Santiso

As obras supuxeron a construción dunha senda peonil de case 3 quilómetros de lonxitude e a mellora estética da zona coa plantación de céspede, a instalación de bancos e a ocultación dos contedores de lixo

A Deputación remata as obras da senda peonil que conecta os núcleos da Balada e Vilar de Ferreiros, en Santiso

A Deputación da Coruña rematou as obras de mellora da seguridade viaria na estrada provincial DP 4603, ao seu paso polos núcleos da Balada e Vilar de Ferreiros, no termo municipal de Santiso.

Os traballos supuxeron un investimento de 360.265 euros para construír unha senda peonil de 2.800 metros de lonxitude entre os puntos quilométricos 7+600 e 10+400 da citada vía, unha zona que atravesa tres núcleos rurais nos que hai numerosas vivendas dispersas, a pesar do cal non existía unha conexión peonil segura que permitira á veciñanza realizar os seus desprazamentos en condicións de seguridade.

Esta nova senda enmárcase na aposta do goberno provincial que preside Valentín González Formoso de crear sendas e beirarrúas que melloren a seguridade dos viandantes na rede provincial de estradas, especialmente nos núcleos rurais.

A nova senda, de 1,5 metros de ancho, executouse en formigón armado de 15 cm de espesor sobre unha base de cascallo artificial. Nas beirarrúas da Balada substituíronse os tramos de baldosas existentes polo mesmo pavimento de formigón do resto da senda, mantendo o bordo. Así, toda a senda discorre ao nivel da calzada, excepto neste tramo, onde se mantén a altura das antigas beirarrúas.

Na contorna de Vilar de Ferreiro, a creación da senda supuxo un estreitamento dos carrís, polo que se executou en toda a calzada do tramo afectado un tratamento superficial con microaglomerado en frío que mellora a adherencia dos vehículos.

A actuación incluíu tamén o acondicionamento dos espazos libres de dominio público coma zonas verdes, mediante o estendido de terra vexetal e a plantación de céspede e árbores, a colocación de bancos e caixas de madeira para a ocultación dos contedores do lixo, o que supuxo unha notable mellora estética da zona.

Páxinas suxeridas