Estás en:Novas

A Deputación mellorará a seguridade viaria na DP 0906 ao seu paso pola parroquia de Andrade, en Pontedeume

O proxecto permitirá construír unha senda peonil e ampliar o ancho da vía de 5 a 9 metros nunha zona que conta cun elevado tránsito ao atoparse na contorna o CEIP de Andrade e múltiples vivendas en ambas marxes da estrada

Así mesmo, renovarase a iluminación, remodelarase o aparcadoiro fronte ao colexio e instalarase unha rede de recollida de pluviais

A Deputación mellorará a seguridade viaria na DP 0906 ao seu paso pola parroquia de Andrade, en Pontedeume

A Deputación da Coruña investirá 310.384,07 euros nun proxecto de mellora da seguridade viaria na estrada provincial DP 0906 ao seu paso polo núcleo de Grove, na parroquia de Andrade (Pontedeume).

A iniciativa, en fase de licitación pública ata o vindeiro 13 de xullo, permitirá a construción dunha senda peonil entre os puntos quilométricos 0+000 e 0+533, así como a ampliación e acondicionamento da citada vía. A estrada conta cun elevado tránsito de vehículos e persoas ao atoparse o CEIP de Andrade na súa contorna e ser unha zona con vivendas en ambas marxes da vía.

As obras suporán a creación dunha senda peonil de 2 metros de ancho na marxe dereita da estrada e a ampliación da vía, que actualmente varía entre os 4,5 e 5,3 metros de anchura, a dous carrís de 3 metros cada un e beiravías de 0,5 metros. Deste xeito a vía ampliarase de 5 a 9 metros, mellorando a súa capacidade e a seguridade dos peóns e vehículos que circulen por ela. Deste xeito, dotarase á ruta unha capa superficial de rodadura.

Dentro do proxecto tamén se inclúen diversas obras de urbanización. Instalarase no tramo nova iluminación LED, o que permitirá mellorar a eficiencia enerxética municipal. Na actuación de acondicionamento remodelarase o aparcadoiro fronte ao colexio e executarase unha rede de recollida de pluviais con tubaxe PVC. Tamén se instalará sinalización de vías. O prazo de execución das obras será de 5 meses.

Páxinas suxeridas