Estás en:Novas

A Deputación licita a redacción do proxecto para eliminar o punto negro da vía que vai de Guísamo a Guiliade, en Bergondo

O proxecto incluirá un estudo detallado da posible afección das obras sobre o ben catalogado

A maior parte da vía, que vai de Guísamo a Guiliade, xa ampliou hai anos pero non se puido actuar nun tramo debido á protección especial que aplica Patrimonio á totalidade do predio

A Deputación licita a redacción do proxecto para eliminar o punto negro da vía que vai de Guísamo a Guiliade, en Bergondo

A Deputación da Coruña sacou a licitación a redacción do proxecto para mellorar a seguridade na DP-0810, de Guísamo a Guiliade no Concello de Bergondo, e que permitirá eliminar o punto negro de tráfico no lugar de San Paio, na contorna do ben catalogado Villa Julia.

A redacción do proxecto está valorada en 33.880 euros e incluirá as obras necesarias para a ampliación da calzada actual, asegurando as adecuadas condicións de seguridade no cruzamento de vehículos e a creación dunha senda peonil.

A maior parte da actuación nesta vía xa se levou a cabo hai anos pero non se puido actuar no tramo de San Paio debido á protección especial que aplica Patrimonio á totalidade do predio, situado no lugar de San Paio. Agora o proxecto deberá incluír un estudo detallado da posible afección das obras sobre o ben catalogado, que será realizado por técnicos competentes na materia e que conterá, como mínimo, a identificación, descrición, valoración de calquera elemento afectado. O proxecto deberá contar coa autorización da consellería competente en materia de patrimonio cultural.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, explicou que o proxecto, que terá en conta a afección ao ben catalogado "é o primeiro paso para poder actuar neste tramo e eliminar este punto negro e garantir a máxima seguridade para peóns e vehículos".

A alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, expresou a súa satisfacción por "iniciar por fin os trámites para a mellora da seguridade en San Paio, polo que tanto loitamos xunto cos veciños e veciñas da zona" pero tamén desexou que "se axilice na medida do posible para que a obra sexa dunha vez por todas unha realidade" xa que "estamos a falar dunha cuestión urxente que non pode agardar máis".

Páxinas suxeridas