Estás en:Novas

A Deputación da Coruña suma forzas cos entes do sector para a promoción turística dos distintos xeodestinos

Nunha xuntanza analizáronse as novas estratexias dos entes supramunicipais e as liñas de comunicación conxunta

A Deputación da Coruña suma forzas cos entes do sector para a promoción turística dos distintos xeodestinos

A Área de Turismo da Deputación da Coruña, dirixida polo tamén vicepresidente, Xosé Regueira, mantivo unha xuntanza con representantes dos entes de xestión supramunicipais para poñer en común as novas estratexias e avanzar nas liñas de comunicación conxunta para a promoción turística dos distintos xeodestinos da provincia. A aposta pola calidade e seguridade ademais do turismo de proximidade e o avance na dixitalización son algúns dos eixos do novo horizonte do sector.

Nunha reunión na que participaron ademais do vicepresidente e responsábel da Área de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, xunto con persoal técnico da institución e representantes dos entes de xestión da provincia analizáronse as novas estratexias que se foron adoptando a raíz da aparición da COVID-19 ademais de distintas liñas de traballo de comunicación conxunta do territorio nas diferentes áreas da provincia da Coruña.

"Traballar man a man cos entes de xestión para a promoción dos distintos xeodestinos é un dos principais obxectivos da Área de Turismo da Deputación da Coruña e, ademais do máis dun millón de euros que destinamos á liña de axudas queremos poñer en común as distintas liñas de actuación e promover sinerxías de promoción e comunicación conxuntas", sinala o deputado de Turismo, Xosé Regueira.

Responsábeis de catorce entes de xestión que son os beneficiarios do programa de subvencións para a mellora de calidade, competitividade e actividades turísticas da Deputación da Coruña avanzaron na xuntanza as principais liñas de actuación para este ano, nas que se atopan distintas iniciativas encamiñadas a facer fronte á crise xerada polo coronavirus que afectou de maneira directa ao sector.

O Consorcio de Turismo da Coruña, a Asociación de empresarios de Camariñas, Asociación sociocultural auga e sal, Asociación da comarca de Ortegal, Incolsa, Mancomunidade de Ferrol, Mancomunidade Arousa Norte, Sociedade Mixta de Ferrol, Asociación de empresarios Fisterra-Muxía, Reserva da biosfera As Mariñas –Betanzos, Asociación de concellos do Camiño Inglés, Ría da Estrela, CMAT, e Mancomunidade de municipios de Ordes son os entes de xestión supramunicipal que operan no territorio e que, maiormente, defenden a aposta polo turismo de calidade e proximidade.

Na reunión, que puxo en común as estratexias destas entidades turísticas da provincia da Coruña, coincidiuse na importancia da seguridade e da calidade nos destinos, apostando por unha dixitalización da información turística, que complemente os formatos físicos. No ámbito da promoción, centráronse na captación dun turismo máis próximo para a tempada de verán, e a consolidación doutros mercados para comezos do outono, como é no caso de Incolsa, a participación en feiras virtuais de ámbito internacional.

"Nos Foros Covid19 unha das conclusións foi o importantísimo labor que terían que desenvolver os entes de xestión para superar a crise provocada pola pandemia, en especial, como vínculos entre o sector privado e público e desde a Deputación da Coruña queremos contribuír a que esa conexión e traballo conxunto sexa produtivo", destaca Xosé Regueira.

A Deputación da Coruña e os entes de xestión traballan en conxunto co obxectivo de facer fronte á situación que se presenta no ámbito turístico dentro da provincia, e ante a incerteza da etapa que se aproxima. Estase a traballar man con man na aposta pola calidade e seguridade turística no territorio, e pola evolución dixital co propósito de minimizar o risco ante a nova situación.

A intelixencia turística tamén se atopará moi presente xa que se desenvolverán, en colaboración coa Universidade da Coruña, estudos para analizar, coñecer e planificar con maior precisión o turismo no territorio. Outro dos eixos centrais da reunión, ademais do traballo en rede entre os diferentes entes, é a mellora da comunicación e desenvolvemento turístico, así como a creación de novos produtos sostibles. Exemplo desta creación no ámbito estatal é, por exemplo, o traballo do Consorcio de Turismo da Coruña para introducir na rede a Ruta Picasso xunto a cidades como Málaga ou Barcelona.

A aposta polo desenvolvemento local vén da man de entidades como a Asociación de Concellos do Camiño Inglés organizando unha xornada de andaina no camiño, que sairá o próximo 4 de xullo desde os diferentes concellos que o compoñen, cun máximo de 50 participantes en cada un, a Reserva da Biosfera, coa aposta polo agroturismo e a formación ou a CMAT, con proxectos turísticos de proximidade.

Na xuntanza, os entes adiantaron as novas iniciativas dos seus programas como a dixitalización e adaptación e espazos como a creación dun autocine no caso de Arousa Norte que presentará a súa nova imaxe en breve; o turismo activo mediante rutas de sendeirismo e a potenciación do surf na Mancomunidade de Ferrol, a aposta polo mar e a natureza da Costa da Morte, as rutas do turismo industrial da Ría de Muros-Noia ou o destaque da artesanía do encaixe e un recurso como é o Cabo Vilán na Asociación de Camariñas. Gabinete de Prensa Deputación da Coruña