Estás en:Novas

A Deputación da Coruña abre o servizo de transporte de visitantes ao mosteiro de Caaveiro durante a tempada estival

A Deputación da Coruña abre o servizo de transporte de visitantes ao mosteiro de Caaveiro durante a tempada estival

Desde hoxe e ata o 6 de setembro, a Deputación da Coruña, en colaboración co Parque Natural das Fragas do Eume, pon a dispor de visitantes un servizo especial de transporte de visitantes en autobús ao mosteiro de Caaveiro.

Co obxectivo de facilitar a accesibilidade ao cenobio durante os meses de maior afluencia de visitantes, a Deputación habilitará de novo este verán un servizo gratuíto de transporte que unirá o centro de interpretación e o acceso ao mosteiro, con buses de ida e volta todos os días, cada hora, entre as 10.30 h e as 20.00 horas.

O ano pasado, o mosteiro de Caaveiro recibiu 60.572 visitantes, a meirande parte deles durante os meses de verán. Debido a esta elevada afluencia de público, a Deputación decidiu, un ano máis, pechar o acceso en coche ao cenobio e pór a dispor dos visitantes este servizo especial de transporte.

Seguindo as indicacións das autoridades sanitarias, será obrigatorio o uso de máscara tanto no autobús coma no recinto do mosteiro, excepto para os menores de seis anos.

Visitas ao Pazo de Mariñán

Por outra banda, a Deputación abriu tamén as visitas ao Pazo de Mariñán. Os xardíns do pazo poden visitarse libremente de 9.00 a 21.00 horas todos os días da semana.

As visitas guiadas desenvolveranse os sábados, domingos e festivos de 11.00 a 18.00 horas ata o 30 de xuño e desde o 1 de xullo ata o 15 de setembro todos os días da semana, incluíndos domingos e festivos.

Os visitantes deberán tamén levar máscara e respetar os aforos que se indican no Pazo de Mariñán.

Páxinas suxeridas