Estás en:Novas

González Formoso ofrece a colaboración da Deputación da Coruña para apoiar a actividade investigadora da USC na procura de vacinas e tratamentos para a Covid19

O presidente da Deputación, acompañado do alcalde de Santiago e o reitor da USC, visitou hoxe o CiMUS, un dos centros onde se investigan vacinas, probas diganósticas e tratamentos para combatir o virus

O presidente entregou á USC un talón con 13.558 euros doados polo persoal e a corporación da Deputación durante o confinamento para contribuír á investigación da vacina

"Un país que quera ser avanzado, que quera ter un lugar no mundo, ten que investir en investigación", afirma González Formoso, que compromete "un marco de colaboración estable" para este proxecto a finais do ano

González Formoso ofrece a colaboración da Deputación da Coruña para apoiar a actividade investigadora da USC na  procura de vacinas e tratamentos para a Covid19

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, acompañado do reitor da USC, Antonio López Díaz, do alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e do deputado de Economía e Facenda, Antonio Leira, visitou hoxe o Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), onde a institución académica compostelá traballa en diferentes proxectos de investigación de vacinas, tratamentos e probas diagnósticas para a Covid19.

Acompañados do director e a subdirectora do centro, Carlos Diéguez e Mabel Loza, visitaron os laboratorios e coñeceron en detalle os diferentes proxectos nos que traballan os investigadores e investigadoras da USC para loitar contra a pandemia.

González Formoso destacou a necesidade de "dotar de recursos adecuados a centros coma este, que son unha referencia no seu ámbito e que teñen claramente un retorno social importante".

Neste sentido, subliñou que "un país que queira ser avanzado, que queira ter un lugar no mundo, ten que investir en investigación" e agradeceu o traballo que levan a cabo nos distintos centros investigadores da USC na procura de vacinas e terapias efectivas para tratar a Covid-19.

O presidente fixo entrega dun talón por importe de 13.558 euros doados polo persoal e corporación da Deputación nunha colecta impulsada polos propios funcionarios para contribuír ao desenvolvemento da vacina. "É unha achega solidaria, un gran de area, pero esperamos poder ofrecer desde a institución, a finais deste ano, un marco de colaboración estable para o sostemento do proxecto, tal como nos demandan os responsables do centro. É moi necesario que todos nos involucremos en dotar de medios a centros coma este", sostivo Valentín González Formoso.

No mesmo aspecto incidiu o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, que declarou que "para Santiago e para Galicia é un orgullo contar con centros coma este. O CiMUS é unha referencia en España e en Europa en biotecnoloxía", apuntou o rexedor, que compartiu "a preocupación que nos trasladan por dar estabilidade ao centro" porque "un país que aspira a ser desenvolvido e competitivo ten que ir por diante nestes temas". Sánchez Bugallo subliñou tamén o hándicap que supón a "falta de estrutura industrial para dar saída a estas investigacións".

Pola súa banda, o reitor da USC, Antonio López, agradeceu a colaboración da Deputación e destacou que o 70% da investigación realízase nas universidades.

"En momentos coma este, a investigación é unha peza clave", sostivo o reitor, que destacou que na USC "poñemos o mellor de nós", mantendo estudos de gran relevancia a nivel nacional e internacional.

Antonio López explicou tamén que a USC puxo en marcha un canal de micromecenado "para que as persoas poidan involucrarse coas investigacións". Con esta fórmula, os doantes recuperan na declaración da renda o 100% das pequenas cantidades coas que apoian proxectos de investigación científica.

"O obxectivo é recibir recursos que agradecemos moito, pero tamén crear vínculos coa sociedade", explicou o reitor compostelán.

Proxectos de vacinas e tratamentos

Un dos proxectos, liderado pola catedrática María José Alonso en colaboración coa propia Mabel Loza, está orientado a conseguir unha vacina baseada en ARNm contra o SARS-CoV2 que sexa capaz de inducir respostas inmunitarias de longa duración fronte ao virus. Concretamente, o obxectivo é producir un vehículo sintético baseado en biomateriais inocuos e capaz de transportar o ácido ribonucleico mensaxeiro (ARNm) ao interior das células dianas, de modo que logre a produción do antíxeno no organismo humano.

A escasos metros do CiMUS, no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), outro equipo dirixido polo profesor Martínez Costas acaba de obter financiamento da Comisión Europea para a realización de probas preclínicas en animais na procura dunha vacina contra o coronavirus SARS-CoV2. O equipo galego traballa dende abril no desenvolvemento dunha vacina fronte a COVID-19 en base a unha nova metodoloxía, desenvolta no propio centro e patentada pola USC, que permite resultados en marxes de tempo reducidos e a baixo custo.

Desde a USC coordínase tamén unha investigación internacional dirixida polo catedrático Anxo Carracedo que estuda cales son os determinantes xenéticos e biomarcadores xenómicos de risco que poidan predispor a algunhas persoas a sufrir unha infección a causa do virus SARS-CoV-2 máis grave. A investigación estudará ao longo dun ano a 8.000 pacientes con coronavirus de distintas cidades de España de países coma Arxentina, Uruguai, Brasil, México, Colombia ou Reino Unido.

Páxinas suxeridas