Estás en:Novas

A Deputación da Coruña reivindica a "liberdade de ser e sentir" na conmemoración do día da diversidade sexual

A área de Igualdade pon o ramo o día 28 de xuño ao programa de sensibilización na rede

A Deputación da Coruña reivindica a

A Área de Igualdade da Deputación da Coruña pon fin este 28 de xuño, día das diversidades sexuais, ao programa "Liberdade de ser e sentir!" que desde comezos de mes difunde na rede distintos materiais para a sensibilización contra a discriminación sexual.

Máis da metade dos concellos da provincia e colectivos LGTBQI+ participan na campaña "Liberdade de ser e sentir!" que a área de Igualdade da Deputación da Coruña difundiu ao longo deste mes nas redes e que pon á disposición da xente materiais para sensibilizar contra a discriminación sexual. Con presencia nas redes sociais, a campaña busca normalizar e sensibilizar á sociedade sobre as diversidades sexuais con motivo do día internacional dos dereitos das persoas LGTBQI+ que se conmemora o 28 de xuño.

"Con esta iniciativa queremos que se difunda unha mensaxe de igualdade e de defensa da diversidade cun programa de actividades e materiais que quedan á disposición de quen os queira utilizar para sensibilizar contra a discriminación que aínda existe e que se poderán empregar para educar en igualdade", sinala a deputada de Igualdade, María Muíño.

Ao longo desta fin de semana, o programa difundirá o traballo dalgunhas das asociacións que participan na campaña como son Casco Coruña que levan máis de 25 anos traballando pola inserción e integración de todos os colectivos máis desfavorecidos, Les Coruna, Asociación de mulleres pola igualdade e a visibilidade de lesbianas, bisexuais e persoas trans e a Asociación de familias de menores trans (Arelas), entidade que defende os dereitos e intereses das persoas trans menores de 20 anos.

Outra das accións coas que se clausurará esta campaña é o concurso "Balcóns da diversidade" que rematará este domingo e que consiste en publicar unha imaxe do balcón/fiestra decorada coas cores do arco da vella (debuxos, bandeiras... ou calquera outro formato artístico), empregando o cancelo #seresentir.

A través da plataforma seresentir.gal fóronse publicando ao longo do mes contidos e recursos relacionados coa diversidade sexual, con atención tamén a contidos específicos para o público máis novo. Na plataforma difundiuse tamén a serie web S.E.X, da produtora Illa Bufarda, gañadora dun dos premios Luísa Villalta das áreas de Cultura e Igualdade da Deputación da Coruña na súa segunda edición. A webserie está elaborada en colaboración con Aseia (Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e Adolescencia) e conta tamén co apoio de Sogasex (Sociedade Galega de Sexoloxía) e a Fundación Paideia, e trátase dun proxecto de educación sexual dirixido a adolescentes.

Ao longo do mes publicáronse tamén palestras de temática LGTBQI para sensibilizar sobre a os dereitos, as barreiras e as liberdades sexuais. En concreto, as charlas xiran sobre a diversidade sexual no deporte, na infancia e adolescencia, no tratamento informativo e na literatura coa participación da karateka Cristy Tojo, a pediatra Inés del Río, representantes da rede de apoio LGTBQI+, Noemí Díaz, o filósofo Enrique Latorre, a activista Daniela Ferrández ou as escritoras María Reimóndez e Lucía Aldao entre outras. 

Páxinas suxeridas