Estás en:Novas

A Deputación investirá 449.881 euros na mellora da seguridade da estrada DP 1107 de Boiro a Cabo de Cruz

O investimento, aprobado no pleno do pasado venres, suporá renovar o firme dos primeiros catro quilómetros da vía

A obra inclúe a demolición dos actuais pasos peonís sobreelevados e a instalación de novos redutores de velocidade

A Deputación investirá 449.881 euros na mellora da seguridade da estrada DP 1107 de Boiro a Cabo de Cruz

A Deputación da Coruña investirá 449.881,82 euros nas obras de renovación do firme dos primeiros catro quilómetros da estrada provincial DP 1107, de Boiro a Cabo de Cruz.

O investimento, incluído no Plan de Conservación de Vías Provinciais 2020, foi aprobado por unanimidade no pleno do pasado venres e suporá dotar dunha nova pavimentación á estrada, beiravías e zonas de estacionamento de vehículos entre os PK 0+000 e 4+000.

Os traballos comezarán coa limpeza das beiravías e o fresado por medios mecánicos dos tramos nos que non é posible elevar máis a rasante da estrada actual, así como nas interseccións da estrada provincial con outras estradas e vías municipais. A continuación, estenderase unha capa de mestura bituminosa en quente tipo AC 16 SURF 50/70 S de 4 cm de espesor.

As obras incluirán a demolición dos pasos peonís sobreelevados existentes, maiormente a base de empedrado. Executaranse redutores de velocidade de tipo trapezoidal a base de mestura bituminosa en quente, cos seus correspondentes elementos de drenaxe.

Reporanse as marcas viarias do eixo da estrada, cun ancho de 10 cm, e de bordo cun ancho 15 cm, así como o repintado de símbolos, pasos peonís e cebreados.

O proxecto inclúe a instalación de nova sinalización vertical, tanto nos pasos peonís coma no resto dos tramos da vía.

Páxinas suxeridas