Estás en:Novas

A Deputación colaborará coa Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas no lanzamento dunha marca de calidade para produtos agroalimentarios autóctonos

A Deputación da Coruña colaborará coa Reserva da Bisofera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo no lanzamento dunha marca de calidade que distinga aos produtos agroalimentarios autóctonos dos 17 concellos que abarca a superficie deste espazo natural recoñecido pola Unesco en 2013: Abegondo, Aranga, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Coirós, Culleredo, Curtis, Miño, Irixoa, Oleiros, Oza-Cesuras, Paderne, Sada e Sobrado.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, comprometeu o apoio da institución provincial, que podería articularse dentro dos programas de apoio a iniciativas emprendedoras cos que contará o Plan de Emprego, a unha iniciativa encamiñada á promoción unificada de produtos dos diversos sectores alimentarios implantados na zona como o agrario, o pesqueiro e marisqueiro ou o vinícola "baixo o paraugas dunha marca de calidade recoñecible para o consumidor, xa que se trata do único espazo Reserva da Biosfera existente na nosa provincia, o que axudará a pór en valor os produtos locais, a apoiar o desenvolvemento do ámbito rural e a xerar emprego", afirmou.

A iniciativa foi presentada durante a reunión que o presidente provincial mantivo esta mañá no seu despacho cos representantes do órgano xestor da Reserva da Biosfera Mariñas coruñesas e Terras do Mandeo, o alcalde de Abegondo e presidente do Consello de Dirección, José Antonio Santiso Miramontes, o alcalde de Paderne, César Longo, e o xestor da entidade Jorge M. Blanco, que presentaron un informe cos máis de 60 produtores agroalimentarios locais que integran xa a iniciativa e aos que poderían incorporarse novas iniciativas emprendedoras saídas das máis de 400 persoas que participaron nas accións formativas que, neste ámbito, se desenvolveron nos últimos anos.

Durante este encontro, os responsables da entidade explicaron tamén as diferentes actividades que preparan para o 2016, centradas en fomentar a conservación do patrimonio natural e cultural que identifica a este territorio, cunha superficie de case 114.000 hectáreas na que viven unhas 190.000 persoas, e aproveitar o seu potencial económico mediante plans como a creación da citada marca ou a creación dun produto turístico que engarce a ampla oferta gastronómica, hostaleira, cultural e natural da zona para facela máis atractiva aos visitantes.

Ademais, o calendario de actividades para o presente ano contempla a realización de actividades de divulgación e educación ambiental, de fomento da agricultura ecolóxica e de posta en valor do patrimonio cultural e etnográfico existentes na zona, ademais da celebración do terceiro aniversario da declaración da Reserva da Biosfera, que terá lugar durante o vindeiro mes de maio en Sada.

Páxinas suxeridas