Estás en:Novas

A Deputación da Coruña perfila a estratexia dixital da provincia en colaboración cos concellos

Os concellos de Ribeira, As Pontes, Curtis e Dodro participaron na primeira reunión para analizar cales son os principais problemas tecnolóxicos que afectan a concellos e cidadanía e cal debería ser o papel da Deputación neste ámbito

A Deputación da Coruña perfila a estratexia dixital da provincia en colaboración cos concellos

Nun momento no que as tecnoloxías da información e a comunicación se demostran máis necesarias ca nunca, a Deputación da Coruña iniciou un proceso para definir o seu futuro dixital a través dunha serie de mesas de traballo nas que se pretende detectar as necesidades de concellos, empresas e cidadanía.

Na primeira das mesas participaron representantes dos concellos de Ribeira, As Pontes, Curtis e Dodro debatéronse diferentes temas relacionados coa definición da estratexia.

Na reunión falouse dos principais problemas que, a nivel tecnolóxico, afectan aos concellos e a cidadanía, a valoración das actuacións e programas desenvolvidos pola Deputación ata a data actual ou cal debería ser o papel que xogue a Deputación neste ámbito nos próximos anos. Por outra banda, empezaron a definirse as prioridades e identificáronse iniciativas concretas para incluír na folla de ruta do Futuro Dixital da Deputación.

Con esta iniciativa, a Deputación pretende coñecer en detalle as necesidades dos organismos da provincia e a xente que se relaciona con eles, reforzando e facilitando a relación entre ambas e facendo que a provincia da Coruña poida ser un referente en materia tecnolóxica nas institucións públicas.

A Deputación da Coruña atópase nun proceso de deseño e definición do seu futuro Dixital da provincia que ten como obxectivo promover e mellorar as tecnoloxías dentro da propia Deputación e facilitar o acceso ás Tecnoloxías de Información e Comunicación (TIC) de todas as persoas, empresas e administracións locais da provincia, así como promover a dixitalización do sector mediante a creación de novos servizos e ferramentas baseados na tecnoloxía.

Esta folla de ruta no ámbito dixital na provincia está sendo deseñada a través dun proceso de participación amplo e con múltiples mecanismos e que engloba dende os representantes e persoal da propia deputación, axentes sociais, organismos públicos relacionados ata representantes dos concellos da provincia e a cidadanía.

Para iso, organizouse un proceso de participación con escoita activa no que se utilizaron distintas ferramentas como enquisas, entrevistas, mesas de traballo con diferentes axentes. Proximamente habilitarase unha web a través da cal a sociedade pode facer as súas achegas, suxestións ou queixas no ámbito dixital da provincia.