Estás en:Novas

A Asociación Adisbismur de Muros gaña o concurso "Balcóns da Diversidade" da Deputación da Coruña

A iniciativa formou parte do programa "Liberdade de ser e sentir" da área de Igualdade de sensibilización coa diversidade sexual.

A Asociación Adisbismur de Muros gaña o concurso

A Asociación de Persoas con Discapacidade da Bisbarra de Muros, Adisbismur, é a gañadora do concurso "Balcóns da Diversidade" do programa "Liberdade de ser e sentir" co que a área de Igualdade da Deputación da Coruña conmemorou o pasado 28 de xuño, día das diversidades sexuais.

Durante todo o mes de xuño a área de Igualdade da Deputación da Coruña impulsou a campaña Liberdade de ser e sentir!, co obxectivo de sensibilizar sobre a importancia da tolerancia e a igualdade das persoas, independentemente da súa orientación sexual e identidade de xénero.

Nesta edición, un total de 58 concellos e 10 entidades da provincia da Coruña participaron na iniciativa dándolle unha maior visibilidade e trasladando unha mensaxe clara e rotunda á cidadanía: a igualdade das persoas independentemente da súa orientación sexual e identidade de xénero.

Liberdade de ser e sentir! tivo unha especial presenza en liña, xa que todos os contidos que se realizaron foron en formato dixital, a excepción do concurso de balcóns, entre as que se atoparon a creación de palestras de diferente temática para visibilizar o traballo que se está a realizar en Galiza a prol da diversidade sexual, centrándose nos dereitos, barreiras e liberdades do colectivo LGTBQI+, e onde participaron diferentes especialistas e activistas en áreas como deporte, infancia e adolescencia, medios de comunicación e literatura.

O programa incluíu tamén dous contacontos dirixidos ao público familiar onde Caxoto, das Trastenda dos Contos, tratou a diversidade emocional como forma de acercar ás familias á diversidade sexual e a identidade de xénero. As entidades que traballan pola defensa dos dereitos das persoas LGTBQI+ tamén tiveron presenza nesta campaña a través de pequenos vídeos presentación.

ALAS A Coruña, Sex Point CASCO, ARELAS e LES Coruña foron algunhas asociacións que participaron presentando o labor que realizan. ⁃ ⁃Como complemento a estas accións, realizouse unha difusión da Serie S.E.X. para un público adolescente que conta co Premio Luísa Villalta das áreas de Cultura e Igualdade da Deputación da Coruña na súa segunda edición.

Os concellos que formaron parte desta campaña foron os seguintes: Abegondo, Ames, Arzúa, Bergondo, Betanzos, Boiro, Boqueixón, Cabanas, Carballo, Cariño, Carnota, Carral, Cedeira, Cee, Cerdido, Coirós, Corcubión, Coristanco, A Coruña, Culleredo, Dumbría, Fene, Fisterra, Lousame, Malpica de Bergantiños, Miño, Mancomunidade de Ordes, Melide, Moeche, Muros, Muxía, Negreira, Noia, Oroso, Ortigueira, Outes, Paderne, A Pobra do Caramiñal, Ponteceso, Pontedeume, As Pontes, Porto do Son, Rianxo, Rois, Sada, San Sadurniño, Santa Comba, Santiso, Sobrado, Teo, Toques, Tordoia, Trazo, Val do Dubra, Valdoviño, Vedra, Vilarmaior, Vimianzo. As entidades que traballan a prol da igualdade e en defensa dos dereitos LGTBQI e que formaron parte da campaña Liberdade de ser e sentir!, foron as seguintes: Asociación de Empresarias de A Coruña, Agasex, Alas A Coruña, Arelas, Casco, Corufest, Les Coruña, Meniños, Asociación Recreativa e Cultural Os Tilos e Asociación Visibles.