Estás en:Novas

A Deputación da Coruña apoia a contratación en centros culturais dos concellos

Destina máis de 750.000 € para dotar de persoal a conservatorios, escolas de música e danza, centros de interpretación e museos municipais

A Deputación da Coruña apoia a contratación en centros culturais dos concellos

Un total de trinta e nove centros de interpretación e museos e trinta e un conservatorios, escolas de música e de danza municipais contratarán persoal a través de dúas liñas de apoio ás que a Deputación da Coruña destina un total de 754.474,32 €. Xunto coa liña de subvencións para dotar de persoal técnico cultural aos concellos son as tres convocatorias encamiñadas a crear emprego no sector público municipal.

Un total de 754.474,32 € é o orzamento das dúas liñas de apoio da Deputación da Coruña para a contratación por parte dos concellos de persoal especializado para centros de interpretación e museos e conservatorios e escolas de música e danza das que o BOP publica hoxe a resolución provisional.

"Con estas dúas liñas de subvención a área de Cultura da Deputación da Coruña colabora cos concellos na contratación de persoal do sector cultural tanto para a formación como en centros culturais que son esenciais na difusión cultural e como atractivo turístico dos concellos", sinala o deputado de Cultura, Xurxo Couto.

Por medio da convocatoria destinada a persoal para os centros de formación de música e danza, a área de Cultura da Deputación da Coruña promoverá a contratación nun total de trinta e un centros, como se recolle na resolución provisional publicada no BOP deste martes día 30 de xuño. A achega aos concellos será de 360.500,00€.

En canto aos centros de interpretación e museos, a Deputación da Coruña promoverá a dotación de persoal técnico en 39 instalacións municipais como son o centro dos muíños da Laracha ou das minas de San Finx, o Museo das Mariñas de Betanzos, o Museo Man de Camelle, o Museo do Encaixe de Camariñas, o Museo de Bergantiños de Carballo, o Museo da Pesca de Fisterra, o centro de interpretación da Revolución Irmandiña de Moeche, o muíño das Mareas de Muros, o Museo da Memoria Mariñeira de Porto do Son ou a Casa de Manuel Antonio de Rianxo.

En total, a Deputación da Coruña destina 393.974,31€ para apoiar a contratación de persoal especializado para a atención e xestión dos centros. "A estas dúas liñas hai que engadir a que convocamos para a contratación de persoal técnico nas áreas de cultura municipais nun eixo que ten como obxectivo directo a creación de emprego no sector e a profesionalización da xestión cultural", explica Xurxo Couto.