Estás en:Novas

González Formoso asiste á toma de posesión do novo xefe da FLO, o xeneral Arrazola Martínez

González Formoso asiste á toma de posesión do novo xefe da FLO, o xeneral Arrazola Martínez

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asistiu hoxe xunto á alcaldesa da Coruña, Inés Rey, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, o xefe do Estado Maior do Exército de Terra, Francisco Javier Varela e outras autoridades civís e militares á toma de posesión do novo xefe da Forza Loxística Operativa (FLO), o xeneral Juan Francisco Arrazola.

O xeneral Arrazola Martínez tomou posesión este venres na Coruña como xefe da Forza Loxística Operativa (FLO) cun discurso no que anunciou que o cuartel xeral na cidade transformarase nun Mando de Apoio á Manobra encadrada na Forza Terrestre asumindo baixo o seu mando diversas unidades de artillería, enxeñeiros, transmisións, intelixencia, información e defensa NBQ.

Na súa intervención, o xeneral Arrazola explicou que esta transformación enmárcase en "o reto de modernización do Exército de Terra", o proxecto Forza 35, un plan que abarca aspectos conceptuais, organizativos, tecnolóxicos e de equipamento. Ten o obxectivo de "preparar ao Exército" para facer fronte aos desafíos que previsiblemente presente o campo de batalla futuro no horizonte de 2035, dentro dunha contorna global que se caracterizará, dixo, por "a volatilidade, a complexidade, a incerteza e a ambigüidade".

A nova categoría do cuartel coruñés responde aos cambios deste proxecto, no que o Exército adoptará unha nova organización orientada á misión que reestruturará mandos e dependencias co fin de facilitar a xeración das capacidades operativas que demande o xefe do Estado Maior da Defensa.

Ademais, o xeneral de división Juan Francisco Arrazola Martínez, que é xefe da FLO desde o mes de marzo, aínda que non puido conmemorarse a toma de posesión do seu cargo ata o de agora, enxalzou a "xenerosidade e entrega" demostrada polas Forzas Armadas na crise do coronavirus, axudando a "mitigar os desastrosos efectos humanos e materiais que ocasionou esta pandemia".

Pola súa banda, o xefe de Estado Maior do Exército de Terra ( JEME), o xeneral de Exército Francisco Javier Varela Salgas, fixo unha breve intervención na que tamén lembrou os meses de estado de alarma, que visibilizaron o labor do Exército.