Estás en:Novas

Os 13 millóns do Plan único para a comarca de Santiago financiarán 66 obras, servizos básicos e gasto social

A primeira achega do POS+2020 supón un investimento de máis de 41 millóns de euros na provincia, dos que máis de 13 corresponden aos concellos de comarca de Compostela

Os concellos da zona reciben 1,2 millóns de euros para os gastos sociais extraordinarios derivados da Covid19

Os 13 millóns do Plan único para a comarca de Santiago financiarán 66 obras, servizos básicos e gasto social

A Deputación da Coruña vén de aprobar por unanimidade na sesión de pleno de xuño a primeira achega do Plan único (POS+2020), que suporá un investimento de 41.266.299,41 euros nos 93 concellos da provincia. Como cada ano, esta cantidade irá incrementándose progresivamente ao longo do exercicio, coa incorporación de fondos adicionais.

Na comarca de Santiago, o plan impulsado polo goberno provincial de Valentín González Formoso supón este ano unha inxección económica inicial de 13.112.987,86 euros, dos que preto da metade (6.1864.103,24 euros) serán destinados ao financiamento de 66 obras de construción e mellora de infraestruturas públicas.

Construción de beirarrúas e mellora de estradas e camiños en Brión, Arzúa, Melide, Frades, Oroso, Ordes, Negreira, Toques ou Tordoia; creación de redes de saneamento e abastecemento de auga na Baña, Dodro, Val do Dubra, Teo; melloras en infraestruturas culturais e deportivas coma os vestiarios do campo de fútbol de Bertamiráns e a reforma da Casa da Cultura de Ames, a renovación do terreo de xogo do campo de fútbol de Urdilde (Rois) ou a cuberta das pistas de pádel de Figueiras, en Santiago; xunto con subministracións coma os ordenadores do centro sociocultural de Santiago ou o vehículo grúa e equipamento da brigada de obras que precisa Santa Comba son algúns dos proxectos que contarán este ano con financiamento do POS+ provincial para a súa execución.

Outra parte importante do Plan único (4.404.828,54 €) destínase a financiar parte do gasto corrente dos concellos da zona. Con estes fondos, a Deputación colabora cos municipios no financiamento dalgúns servizos esenciais coma a limpeza de rúas e estradas, a recollida de lixo ou a iluminación pública, que contribúen a mellorar a calidade de vida da veciñanza.

Oito concellos da zona (Ames, Negreira, Ordes, Oroso, Santiago, Teo, Tordoia e Vedra) destinan este ano parte de fondos do POS+ (995.033,79 euros) para reducir a súa débeda e cinco destinan parte dos fondos a pagos a provedores, por un importe total de 353.622,82 euros.

1,2 millóns para gastos sociais extraordinarios derivados da Covid19

Cabe destacar que o Plan único conta este ano cunha achega especial de 4 millóns de euros procedentes de superávit para apoiar os concellos da provincia nos gastos sociais extraordinarios derivados da Covid19.

Destes 4 millóns, os concellos da comarca de Compostela reciben un total de 1.195.399,47 euros, con cantidades que oscilan entre os 86.549 € de Ames e os 18.787 de Dodro e que se destinan a cuestións coma o reforzo dos servizos municipais de Asistencia no Fogar ou a compra de equipos de protección (EPI).

Páxinas suxeridas