Estás en:Novas

Os 7,4 millóns do Plan único para a comarca da Coruña financiarán 37 obras, servizos básicos e gasto social

A primeira achega do POS+2020 supón un investimento de máis de 41 millóns de euros na provincia, dos que 7,4 corresponden aos concellos da comarca coruñesa

Os concellos da zona reciben 813.800 euros para os gastos sociais extraordinarios derivados da Covid19

Os 7,4 millóns do Plan único para a comarca da Coruña financiarán 37 obras, servizos básicos e gasto social

A Deputación da Coruña vén de aprobar por unanimidade no pleno da sesión de xuño a primeira achega do Plan único (POS+2020), que suporá un investimento de 41.266.299,41 euros nos 93 concellos da provincia. Como cada ano, esta cantidade irá incrementándose progresivamente ao longo do exercicio, coa incorporación de fondos adicionais.

Na comarca da Coruña, o plan impulsado polo goberno provincial de Valentín González Formoso supón este ano unha inxección económica inicial de 7.445.443 euros, dos 2.821,232,47 € serán destinados ao financiamento de 48 obras de construción e mellora de infraestruturas públicas.

Construción de beirarrúas e mellora de estradas e camiños en Oleiros, Carral, Betanzos, Aranga ou Abegondo; creación de redes de saneamento e abastecemento de auga en Arteixo, Cambre, Sada e Oza-Cesuras; melloras na iluminación pública en Bergondo e Coirós, renovación do parque infantil da praza de Europa de Culleredo ou mantemento das fontes e lavadoiros do Concello de Sada son algúns dos proxectos que contarán este ano con financiamento do POS+ provincial para a súa execución.

Outra parte importante do Plan único (3.428.461,46 €) destínase a financiar parte do gasto corrente dos concellos da zona. Con estes fondos, a Deputación colabora cos municipios no financiamento dalgúns servizos esenciais coma a limpeza de rúas e estradas, a recollida de lixo ou a iluminación pública, que contribúen a mellorar a calidade de vida da veciñanza.

Só o Concello de Cambre destinará este ano parte de fondos do POS+ 138.867 euros para reducir a súa débeda e tres destinan parte dos fondos a pagos a provedores, por un importe total de 243.081, 49 euros.

813.800 euros para gastos sociais extraordinarios derivados da Covid19

Cabe destacar que o Plan único conta este ano cunha achega especial de 4 millóns de euros procedentes de superávit para apoiar os concellos da provincia nos gastos sociais extraordinarios derivados da Covid19.

Destes 4 millóns, os concellos da comarca coruñesa reciben un total de 813.800 euros, con cantidades que oscilan entre os 93.554 euros de Arteixo e os 19.433,59 de Coirós e que se destinan a cuestións coma o reforzo dos servizos municipais de Asistencia no Fogar ou a compra de equipos de protección (EPI).

Páxinas suxeridas