Estás en:Novas

González Formoso destaca o gran traballo de Caarfe na inauguración dun congreso nacional sobre alcoholismo feminino

O presidente da Deputación da Coruña e a delegada do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas inauguraron o V Congreso Nacional de Mulleres Adictas, que se celebrou online polo coronavirus

As Pontes, sede prevista para o congreso, espera poder acollelo o vindeiro ano

González Formoso destaca o gran traballo de Caarfe na inauguración dun congreso nacional sobre alcoholismo feminino

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, a delegada do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas do Ministerio de Sanidade, Azucena Martí Palacios, e a concelleira de Benestar Social das Pontes, Tania Pardo Cabarcos inauguraron hoxe o V Congreso Nacional de Mulleres Adictas, organizado pola Confederación de Alchólicos, Adictos en Rehabilitación e Familiares de España (Caarfe) coa colaboración da Deputación da Coruña.

Aínda que estaba previsto que o congreso reunira esta fin de semana nas Pontes a máis de 400 participantes de toda España, a organización decidiu realizalo en liña debido ao coronavirus, garantindo así a saúde e seguridade das participantes.

"Esperamos poder acoller o congreso nas Pontes o vindeiro ano. Será un honor vernos en Galicia, como estaba previsto", afirmou González Formoso, que felicitou a Caarfe polo "gran traballo que realizades, ás veces pouco recoñecido ou pouco visible, pero fundamental para moitas persoas, como tiven oportunidade de comprobar directamente no meu pobo".

O presidente provincial destacou o apoio da Deputación a distintos programas e entidades da área de Benestar Social que contribúen a previr e loitar contra o alcoholismo e as adiccións, dirixidos especialmente a público adolescente.

Pola súa banda, o presidente e a vicepresidenta de Caarfe, Ángel Jiménez e Pilar Leal, agradeceron o apoio e implicación da Deputación e o Concello das Pontes para a celebración do simposio.