Estás en:Novas

Nos TV e Club de Debate gañan o XI Premio Rosalía de Castro de normalización lingüística da Deputación da Coruña

Os XI Premio Rosalía de Castro de lingua da Deputación da Coruña xa ten gañadores nas súas dúas categorías. Nós Televisión e o Club de Debate, representado pola Asociación e Entidades Locais pola Lingua Galega, son as dúas iniciativas recoñecidas na convocatoria que destaca o traballo de promoción da nosa lingua.

Nos TV e Club de Debate gañan o XI Premio Rosalía de Castro de normalización lingüística da Deputación da Coruña

Un xurado composto polo técnico de normalización da Universidade da Coruña, Xesús Manquel Mosquera Carregal, a técnica do Concello da Coruña, Julia Rigueiro, a profesora e gañadora da edición pasada por 21 Días co Galego Pilar Ponte e o xornalista Eduardo Rolland, representante do xornal Gciencia tamén gañador o ano anterior e presidido pola deputada de Normalización Lingüística, María Muíño Filgueira e coa técnica da Deputación, Dores Sánchez Alegre como secretaria, valoraron o traballo desenvolvido por Nós TV e o Club de Debate para a promoción da normalización lingüística da nosa lingua.

Desta maneira, Nós Televisión SL é a gañadora na categoría de colectivo, entidade ou asociación que destaca no seu labor de normalización lingüística. O xurado valora, nun momento de especial relevancia do audiovisual, que Nós TV se sitúa "como a única canle en lingua galega xurdida da iniciativa privada, e que hoxe xa chega un número importante de fogares". Destaca, tamén, "as súas posibilidades de continuar medrando e consolidándose, así como o feito de permanecer atenta e aberta para lles dar voz e espazo a multitude de colectivos, plataformas e movementos que a través da súa grella poden chegar a outros públicos e ver así aumentada a súa difusión".

Na categoría de colectivo, entidade ou asociación que realiza un traballo específico cos tramos da poboación de menor idade, infancia e mocidade o premio recaeu no Club de Debate, representado polo Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega, por "levar favorecendo durante unha década o emprego da lingua galega entre a mocidade, especialmente os usos orais en contextos formais e informais, por potenciar a lucidez comunicativa ligada á oratoria, por promover o pensamento crítico e analítico, á vez que o traballo en equipo, por fomentar a diversidade de opinións e a tolerancia fronte a diferentes cuestións e crear espazos e contextos para a socialización en galego, entre outras, e tamén por ser o resultado dun traballo conxunto entre profesionais de distintos ámbitos (administración local, técnic@s de normalización lingüística e profesorado dos centros de ensino)".

O Premio Rosalía de Castro recoñece iniciativas, traballos ou entidades comprometidas coa promoción e uso do galego en dúas categorías, unha para persoas e colectivos e outra específica para quen traballa coa dinamización da poboación de menor idade, infancia e mocidade.

En cada unha das categorías, os premios son de 3.000 euros e entre os criterios de valoración téñense en conta o traballo continuado a favor do uso do galego, actuacións concretas, campañas de promoción ou contribución á galeguización na categoría xeral e, na de poboación de menor idade valórase tamén as actuacións e traballo que teñan como obxectivo o fomento da transmisión interxeracional. Na anterior edición, gañaron o Rosalía de Castro o xornal de información científica Gciencia e o proxecto 21 Días co Galego.

Foto: Club de Debate

Páxinas suxeridas