Estás en:Novas

A Deputación financia a rehabilitación das escolas unitarias de Dodro

O Concello de Dodro licita por 64.554 euros as obras de reparación das escolas de Bexo, Chenlo e Vigo (Dodriño), que serán financiadas polo Plan Único

A Deputación financia a rehabilitación das escolas unitarias de Dodro

O Concello de Dodro financiará con fondos do Plan Único da Deputación da Coruña as obras de rehabilitación das escolas unitarias do municipio.

As obras, cun importe de 64.554,77 euros están en fase de licitación pública ata o 15 de xullo na Plataforma de Contratación do Estado, e suporán melloras nas escolas de Bexo, Chenlo e Vigo (Dodriño).

Na escola de Vigo as obras contemplan o illamento exterior da fachada para eliminar as filtracións de auga e humidades, a conversión dos dous aseos existentes nun único aseo adaptado a persoas con mobilidade reducida,a instalación de novos pavimentos e a substitución de todas as portas da planta baixa.

En Bexo, levaranse a cabo tamén traballos de illamento exterior das fachadas, instalación de tarima flotante de madeira laminada e substitución das ventás do inmoble por unhas novas con marco de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre illante, que contribuirán a eliminar a humidade e mellorar o confort térmico no interior do edificio.

Finalmente na escola unitaria de Chenlo substituiranse as portas de acceso da planta baixa por unhas novas de aluminio con rotura de ponte térmica e peche de seguridade.

Dodro súmase así a outros municipios da provincia coma Pontedeume, Vimianzo, Cee ou Coristanco que nos últimos anos destinaron fondos do Plan Único á recuperación de escolas unitarias, tanto para seguir prestando servizos educativos como para usar os inmobles como centros sociais veciñais.

Páxinas suxeridas