Estás en:Novas

Xosé Regueira agarda que o xuízo sexa o episodio final do espolio franquista no Pazo de Meirás

O vicepresidente da Deputación da Coruña participou na concentración diante da sede xudicial onde se celebra a vista

Xosé Regueira agarda que o xuízo sexa o episodio final do espolio franquista no Pazo de Meirás

O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, participou esta mañá nunha concentración diante da sede xudicial da Coruña onde se celebra o xuízo para a recuperación do Pazo de Meirás e destacou que agarda que este sexa "o episodio final do espolio de Franco nese ben xa simbólico e un dos últimos de todo o que roubaron e aínda está nas mans da familia do ditador"

Na concentración que se celebrou diante do edificio da antiga Audiencia Provincial onde hoxe se iniciaba o xuízo para a recuperación do Pazo de Meirás en mans da familia Franco, o vicepresidente da Deputación da Coruña destacou a necesidade de que o xuízo signifique "a devolución do inmóbel roubado pola rede tecida polos distintos poderes da ditadura ao patrimonio público e o fin do espolio do ditador neste ben que a sociedade leva décadas reclamando e que ten xa unha carga relevante carga simbólica para dar fin aos estertores do franquismo".

Lembrou Xosé Regueira o papel desenvolvido pola Deputación da Coruña cando, hai máis de tres anos e despois da noticia de que o Pazo se ía utilizar como escenario de adoutrinamento do franquismo, impulsou a creación da Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás e dos informes xurídico e histórico que abriron as vías para que se puidese apostar por unha reclamación legal que puidera dar resultados eficaces.

"O informe xurídico, elaborado por un equipo dirixido polo profesor da Universidade de Santiago de Compostela, Xabier Ferreira, abriu esa porta demostrando que o documento de compra-venda do Pazo co que a familia demostra a propiedade é un contrato ficticio, cando se asinou xa Franco gozaba do Pazo ao ser adquirido para a Xefatura do Estado", explica Xosé Regueira que estivo acompañado na concentración convocada pola Iniciativa Galega pola Memoria e a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña por outros membros do goberno, entre eles, o deputado de Cultura, Xurxo Couto.

Neste sentido, o Pazo de Meirás pasaría a formar parte do patrimonio público do Estado, en calidade de residencia de verán do Xefe do Estado, como demostra o uso previo que incluía tamén reunións do goberno nas estadías do ditador na finca. "O Pazo de Meirás é un símbolo da usurpación e o espolio dos Franco e recuperalo será tamén un chanzo gañado para poñer fin ao franquismo, do que aínda padecemos as súas secuelas como o inmenso patrimonio dos seus herdeiros, conseguidos de maneira espúrea co espolio de milleiros de persoas", defende Regueira.