Estás en:Novas

COMPOSTELA ABERTA PÍDELLE Á DEPUTACIÓN DA CORUÑA QUE SE COMPROMETA NA LOCALIZACIÓN, IDENTIFICACIÓN E EXHUMACIÓN DAS FOSAS COMÚNS DO FRANQUISMO

O deputado Manuel Dios afirma que "é hora de que as administracións cumpran, de verdade, coa obriga moral e legal coas vítimas e os seus familiares"

COMPOSTELA ABERTA PÍDELLE Á DEPUTACIÓN DA CORUÑA QUE SE COMPROMETA NA LOCALIZACIÓN, IDENTIFICACIÓN E EXHUMACIÓN DAS FOSAS COMÚNS DO FRANQUISMO

O Grupo Provincial de Compostela Aberta presentou unha moción na que insta á Deputación da Coruña a recuperar a memoria democrática mediante a localización, identificación e exhumación dos restos mortais das persoas vítimas de desaparición forzosa durante a Guerra Civil e o franquismo.

Manuel Dios, deputado provincial de CA, explicou que "existe a suficiente normativa legal, desde regulacións autonómicas ata convenios internacionais e resolucións de Nacións Unidas, como para que as administracións públicas españolas se sintan obrigadas a ter un papel activo na localización e identificación das persoas represaliadas". Ademais, Dios loubou o traballo realizado ata o de agora neste ámbito polas Asociacións da Memoria Histórica, pero advertiu que "non pode ser que se lles cargue a elas cun peso que corresponde á administración". Nese sentido, lamentou que, tras a aprobación da chamada Lei de Memoria Histórica "os gobernos do Estado, de Galicia e da provincia se desentenderan do seu deber de aplicar a normativa".

Ademais, Dios considera que se trata dunha "inmensa débeda moral que temos cos pioneiros da democracia no noso país. Non pode ser que, 80 anos despois, non se saiba onde están os restos de Constante Liste, tenente de alcalde de Teo; que o corpo de Manuel Ramos, tenente de alcalde das Pontes, estivera nunha fosa ata 2006; ou que non coñezamos o final de Juan Manuel Vidal, alcalde de Arzúa. E como eles, seguimos ignorando o destino e localización dun número indeterminado de persoas asasinadas por defender a democracia".

 

Traballos de investigación sistemáticos e accións concretas de recuperación da memoria

Amparándose nas obrigas legais das administracións públicas, Compostela Aberta insta á Deputación Provincial a elaborar un censo das persoas desaparecidas, un mapa dos seus enterramentos na provincia, e un protocolo de exhumación dos restos mortais. Estes traballos deberán ser levados a cabo mediante o diálogo con concellos e asociacións representantes das vítimas, e aproveitando o traballo xa feito por investigadores e universidades.

O obxectivo é a elaboración dunha investigación sistemática e coa maior información posible, que terá carácter público. A partir deses documentos, a Deputación Provincial abrirá unha liña de axudas a persoas interesadas, entidades e concellos, baixo principios de transparencia, coa finalidade de escavar as fosas e entregar os restos das vítimas aos familiares, ou asumirá directamente este labor.

A moción do grupo compostelán tamén propón a dignificación das fosas comúns e cemiterios municipais que poidan ter a consideración de espazos de memoria democrática, pola presenza nos mesmos de restos mortais das persoas vítimas de desaparición forzosa durante a Guerra Civil e o franquismo.

Por último, ínstase ao conxunto de administracións públicas a asumir o seu deber moral e legal no referente á localización, exhumación, identificación e entrega aos familiares dos restos das persoas represaliadas, así como a remover os obstáculos lexislativos que, na actualidade, impiden a investigación xudicial das desaparicións e o esclarecemento das súas circunstancias. Esta é unha recomendación que teñen feito a España numerosos organismos internacionais, entre eles Nacións Unidas.

 

Aínda se descoñece o número real de represaliados

A día de hoxe, non existe un censo definitivo das persoas represaliadas. En 1944, un portavoz do Goberno de Franco recoñeceu que máis de 190.000 persoas detidas foran executadas ou morreran en prisión. Segundo a investigación inconclusa da Audiencia Nacional, o número de vítimas de desaparición forzosa entre xullo de 1936 e decembro de 1951 ascendería a máis de 114.000 persoas en toda España. A Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica exhumou unhas 150 fosas e identificou os restos de máis de 1.500 persoas. O Mapa elaborado polo Ministerio de Xustiza, bastante incompleto, recolle un total de 2.382 fosas.

Na provincia da Coruña hai coñecemento de fosas no Pino, Ames, Vilarmaior, A Capela, Mañón, As Pontes, Ferrol, Aranga e Valdoviño, ademais doutros moitos enterramentos puntuais en cemiterios parroquiais e municipais, e existen outros lugares de enterramento dos que se ten coñecemento pero aínda non foron localizados. Un estudo universitario cifrou en cando menos 3.233 o número de executados en Galicia de xeito extraxudicial, nos chamados paseos, entre 1936 e 1939.