Estás en:Novas

O Plan Único financia con medio millón de euros a mellora dos camiños rurais de Oza-Cesuras

O Concello de Oza-Cesuras vén de publicar a licitación de cinco proxectos que suman un investimento de 519.676 euros

O Plan Único financia con medio millón de euros a mellora dos camiños rurais de Oza-Cesuras

O Plan Único da Deputación da Coruña financiará con medio millón de euros as obras de pavimentación e mellora de numerosos camiños rurais de Oza-Cesuras.

O Concello vén de publicar a licitación de cinco proxectos destinados a mellorar camiños e estradas no ámbito rural do municipio. O investimento total destas obras alcanza os 519.676 euros, dos que 36.017 son achegados con fondos municipais e 483.659 € a través do fondos adicionais do POS+2019. As empresas interesadas poden presentar as súa oferta ata o 23 de xullo.

As estradas, na súa maioría en zonas agrarias, de cultivos ou granxas funcionan na súa meirande parte coma camiños principais, dando acceso a outras vías secundarias. As obras suporán a limpeza e pavimentación do firme de case 14 quilómetros de viais a base de aglomerado en quente de 3 cm de espesor, que substituirá ao actual tratamento superficial.

As obras levaranse a cabo nas parroquias de Porzomillos, Salto, Cines, Mandaio, Dordaño, Loureda, Cuiña, Regueira e Borrifáns, onde tamén se executarán obras de aglomerado entre Peteiros e Rorís.

Ademais da mellora de camiños, os investimentos inclúen a construción dunha nova rede de recollida de pluviais en Bendrade, con 20 pozos de rexistro e preto de 1 quilómetro de tubaxes. No futuro, preténdese dotar dunha estación depuradora á zona e dotala de saneamento.

Páxinas suxeridas