Estás en:Novas

A Deputación encarga un proxecto para ampliar a ponte sobre o río Mandeo en Sobrado

O proxecto estudará a posibilidade de ampliar a ponte actual ou substituíla por unha nova

As obras eliminarán o tramo estreito da ponte para adecualo ao ancho da estrada DP 8001

A Deputación encarga un proxecto para ampliar a ponte sobre o río Mandeo en Sobrado

A Deputación da Coruña asinou hoxe coa empresa Eptisa o contrato para a redacción dun proxecto de ampliación da ponte sobre o río Mandeo, no punto quilométrico 3+100 da estrada DP 8001 que suporá a eliminación dun punto estreito desta vía. O contrato foi adxudicado por 15.391,20 euros.

O departamento de Vías e Obras da institución provincial, que dirixe o deputado José Manuel Pequeño, pretende conseguir unha ponte cunha calzada de 7 metros de ancho, beiravías de medio metro e un paso peonil de 1,80 metros; o que ofrecerá un ancho suficiente para o cruce de dous vehículos en condicións de seguridade e mellorará a seguridade dos viandantes nunha zona que actualmente carece de paso peonil.

O proxecto valorará a posibilidade de ampliar a ponte actual ou construír unha completamente nova que garanta a seguridade viaria e de continuidade ás obras de ampliación e mellora que a Deputación xa acometeu nos tres primeiros quilómetros da estada. Débense proxectar tamén os desvíos necesarios para dar servizo ao tráfico durante a execución das obras.

A Deputación da Coruña continuará a ampliación da vía noutro tramo de aproximadamente 5 quilómetros da estrada que discorre entre entre os PK 3+200 e o 7+910, igualando o ancho da estrada en todo o seu percorrido.

A plataforma da vía pasará así dos 4-5 metros actuais aos 7-8 metros en todo o seu percorrido, eliminado os puntos estreitos e mellorando notablemente a seguridade dunha estrada que conecta numerosos núcleos de poboación e dá acceso a explotacións gandeiras.

Páxinas suxeridas