Estás en:Novas

Cedeira inviste 79.685 euros do Plan Único en proxectos de mellora da eficiencia enerxética do municipio

Os fondos da Deputación empregaranse na renovación do alumeado público da avenida Castelao e outras 10 rúas  do concello

A nova iluminación LED reducirá en máis da metade o consumo eléctrico actual

Cedeira inviste 79.685 euros do Plan Único en proxectos de mellora da eficiencia enerxética do municipio

O Concello de Cedeira investirá 79.685 euros dos fondos adicionais do Plan Único (POS+2019) en dous proxectos de mellora da eficiencia enerxética do municipio: a renovación da iluminación pública da avenida Castelao e a subministración de lámpadas LED, que substituirán ás actuais luminarias de vapor de sodio en dez rúas do municipio. Os dous proxectos están en fase de licitación ata o 21 de xullo na Plataforma de Contratación do Estado.

O proxecto da avenida Castelao suporá substituír todas as luminarias VSAP que se atopan en mal estado por novas luminarias LED, o que reducirá máis da metade o consumo eléctrico actual, ademais de diminuír a emisión de dióxido de carbono e a contaminación luminosa. Tamén se inclúe a renovación dos cadros eléctricos existentes e a instalación de novos limitadores de sobretensión.

Tamén se renovarán as luminarias das rúas Nosa Señora do Mar, Regueiro, Salinas, Hórreo, Somozas, Silva, Gaias da Area e no paseo entre a rúa López Cordón e Río da Veiga, así coma as da avenida Zumalacarreg.

Ademais de reducir de forma notable o consumo e a factura eléctrica do Concello de Cedeira, o novo alumeado mellorará a calidade luminosa e terá máis vida útil e mellor rendemento.

O Plan Único da Deputación da Coruña financiou no último ano un total de 22 obras de mellora da eficiencia enerxética en 10 concellos da provincia da Coruña, cun investimento de 1.750.220 euros.

O POS+ ofrece aos concellos total autonomía á hora de decidir en que investir os fondos que lles achega a Deputación, permitíndolles financiar tanto este tipo de subministracións coma obras de construción e mellora de infraestruturas municipais, pago de débeda, gasto corrente, etc.

Páxinas suxeridas