Estás en:Novas

A Deputación inviste 115.914 euros nas obras de reforma do centro sociocultural da Peregrina, en Santiago

As obras inclúen a reforma integral do inmoble, tanto no exterior coma no interior

A Deputación inviste 115.914 euros nas obras de reforma do centro sociocultural da Peregrina, en Santiago

O Concello de Santiago de Compostela destinará 115.914,52 euros dos fondos adicionais do Plan Único (POS+2019) ás obras de reforma do centro sociocultural da Peregrina.

As obras están en fase de licitación ata o 3 de agosto e suporán o acondicionamento integral do inmoble, tanto exterior coma interior.

Trátase dun edificio que data dos anos 60 do século pasado, dotado con tres aulas, aseos e un porche cuberto que sirve para a realización de actividades ao aire libre.

As obras incluirán a restauración da cuberta, que actualmente presenta desperfectos que provocan filtracións de auga cara o interior do edificio. Desmontarase completamente a cuberta actual e eliminaranse a pranchas de fibrocemento, para colocar un novo tellado con illamento térmico, impermeabilización e tella cerámica curva, con novos canalóns e baixantes.

Tamén se renovarán os pavimentos e a pintura de todo o inmoble, dotando de baldosa cerámica ás tres aulas, emplastecendo e pintando todas as paredes e os paramentos verticais do exterior.

As obras incluirán a renovación da carpintaría exterior por outra nova de aluminio lacado con rotura de ponte térmica, vidros e persianas interiores, así coma a remodelación total dos aseos para dotalos da accesibilidade necesaria. Tamén se mellorará a accesibilidade do edificio, coa construción de dúas ramplas de formigón que facilitarán o acceso polo porche ás persoas con mobilidade reducida.

Os traballos complétanse coa creación dunha nova zona destinada a almacén e cociña e a renovación completa da instalación eléctrica do centro sociocultural, dotándoo de novo alumeado exterior e interior con tecnoloxía led, que propicia un importante aforro enerxético.

Páxinas suxeridas