Estás en:Novas

A Deputación da Coruña presenta un decálogo para un verán libre de machismos

A iniciativa forma parte da campaña "Festas en igualdade" que aposta por eliminar a discriminación no tempo de lecer

A Deputación da Coruña presenta un decálogo para un verán libre de machismos

A área de Igualdade da Deputación da Coruña lanza a campaña "Por un verán en Igualdade" que trata de concienciar da necesidade de eliminar o machismo do tempo de lecer e as conmemoracións. A iniciativa continúa a liña iniciada no Nadal e no entroido.

Por medio dun decálogo, a área de Igualdade da Deputación da Coruña difunde dez medidas necesarias para unhas vacacións de verán sen machismo. "Por un verán en Igualdade" é o título da campaña que aposta, como as realizadas no Nadal e o Entroido, por eliminar a violencia machista e as agresións sexuais nas conmemoracións, contra o acoso, pola conciliación

"Por un verán en igualdade" é o título do decálogo que a Deputación da Coruña distribúe nos concellos da provincia e outras entidades co fin de contribuír a poñer fin ao machismo nun tempo vacacional e de festa.

"No tempo de lecer, coma ben sabemos, danse circunstancias específicas de machismo que desde a Deputación da Coruña queremos contribuír a eliminar e, deste xeito, botamos a andar esta iniciativa que insistirá na necesidade dunhas festas en igualdade nas principais conmemoracións anuais", explica a deputada de Igualdade, María Muíño para quen a tanto a proposta do Nadal como a do entroido foron moi ben recibidas e empregadas tanto nos concellos como nas entidades que difundiron os contidos dos decálogos específicos.

As agresións sexuais e a violencia contra as mulleres que se produce nas festas son obxecto prioritario do decálogo que pide á sociedade "non ser cómplice" con actitudes discriminatorias e machistas. "Desde a música que se escoita até as imaxes que se distribúen, pasando polos traballos de organización doméstica e das propias conmemoracións que recaen fundamentalmente nas mulleres até as agresións que moitas padecen nas festas son exemplos dun machismo que se acentúa no tempo de lecer e que entre todas e todos temos que eliminar", defende María Muíño.

Suprimir os comentarios sexistas, loitar contra os canons de beleza e os estereotipos son outras das indicacións do decálogo que defende tamén a coeducación e a conciliación familiar, de maneira especial neste tempo en que o verán pode coincidir tamén co teletraballo nos propios domicilios.

Desbotar nas festas a música e as imaxes de contido sexista é outro dos mandatos do decálogo que, este verán máis que nunca invoca á responsabilidade e a cumprir coas indicacións e protocolos e respectar as liberdades. "As túas accións tamén poden pór en perigo as demais persoas. Rexeita a "virilidade tóxica" e aposta por novos modelos de masculinidade", sinala.

A iniciativa forma parte do conxunto de medidas que se incorporan ao Plan de acción en políticas de igualdade da Deputación da Coruña que se aprobou no pleno do mes de outubro.

Decálogo por un verán en igualdade

1. O verán é tempo de goce e diversión, pásao ben pero non te pases! As drogas e o alcol non xustifican as agresións sexuais. Non todo vale. Lembra: NON É NON.

2. Rexeita e denuncia calquera forma de violencia contra as mulleres e a diversidade sexual. Non toleres comentarios sexistas ou discriminatorios. Non sexas cómplice! Telefona gratuitamente ao 016 ou ao 112

3. Respecta os corpos, rexeita canons de beleza. Evita a exposición pública das/os menores con comportamentos propios de persoas adultas: isto chámase hipersexualización e é unha forma de violencia de xénero.

4. Non partilles ou toleres brincadeiras, imaxes ou comentarios sexistas, pois perpetúan os estereotipos de xénero e unha sociedade machista.

5. Xoga e coeduca en igualdade desde a familia. Aproveita para seres máis corresponsábel e para participares en igualdade nas tarefas de coidados. Dá o valor que merece e procura o respiro a quen os realiza habitualmente.

6. Este verán, teletraballes ou non, lembra que a conciliación da vida familiar, laboral e persoal é un dereito. Tes dereito a desconectares e a espazos de autocoidado. Se de ti depende, favorece o apoio ás familias!

7. Acepta o reto de empregares unha comunicación libre de estereotipos sexistas. Se es profesional da comunicación, o teu papel social é moi importante, visibiliza as mulleres e integra as diferenzas.

8. Se programas eventos, festas ou actividades, revisa os contidos e as imaxes, coida a selección musical para que non sexa sexista e organiza todo de xeito que poidan participar equilibradamente mulleres e homes. Favorece a conciliación.

9. Este verán, máis que nunca, sé responsábel, cumpre as indicacións e protocolos e respecta as liberdades. As túas accións tamén poden pór en perigo as demais persoas. Rexeita a "virilidade tóxica" e aposta por novos modelos de masculinidade. Isto tamén vai contigo!

10. Se tes dúbidas de como seres máis igualitaria/o, busca asesoramento no recurso municipal especializado en igualdade de xénero do teu concello. Gabinete de Prensa Deputación da Coruña

Páxinas suxeridas