Estás en:Novas

A Rede Cultural da Deputación da Coruña ofrece máis de mil trescentos espectáculos nunha edición que incluirá o primeiro trimestre do próximo ano

O programa amplíase tres meses polo confinamento e aplicará os protocolos de seguridade para a prevención do coronavirus

A Rede Cultural da Deputación da Coruña ofrece máis de mil trescentos espectáculos nunha edición que incluirá o primeiro trimestre do próximo ano

Un total de 1.307 actuacións culturais forman parte do catálogo de actuacións da Rede Cultural que este ano amplía o seu período incluíndo no calendario da edición o primeiro trimestre de 2021. A Deputación da Coruña destina 1.320.567,61€ a un circuíto no que se cumprirán de maneira estrita a capacidade e os protocolos de prevención da Covid.

A pandemia obrigou a modificar moitas das previsións culturais e, entre elas, as da Rede Cultural da Deputación da Coruña que dá agora a coñecer a adxudicación de espectáculos os concellos da provincia. En total, serán 1.307 actuacións cun orzamento por parte da Deputación da Coruña de 1.320.567,04 € que se desenvolverán ao longo deste anos e, excepcionalmente, tamén no primeiro trimestre do vindeiro, ampliación que se aprobou para contribuír a paliar os efectos negativos da covid no sector cultural.

"A cultura ao vivo está volvendo con todas as precaucións, e desde a Deputación da Coruña queremos que a Rede Cultura supoña un novo impulso para un sector que padeceu de maneira singular os efectos da pandemia xa que o confinamento supuxo tamén unha paralización absoluta de todos os actos públicos", destaca o deputado de Cultura, Xurxo Couto.

Do total de espectáculos, o teatro profesional é o ámbito que máis actuacións programa nesta nova edición do circuíto da Deputación cun total de 496 representacións, seguido da música que será protagonista de 247 concertos. Maxia con 58 actuacións e danza con 38 completan o catálogo de artes escénicas e musicais do sector profesional ao vivo. O programa Alicerce de cultura amadora incluirá desta volta un total de 121.

"A Rede Cultural preséntase, un ano máis, como o circuíto máis consolidado e unha ferramenta única para a difusión cultural, para a creación de emprego no sector, para a creación de novos públicos e para o deseño dunha programación de calidade nos concellos da provincia", apunta Xurxo Couto.

O programa para esta nova edicións Rede Cultural da Deputación complétase con 189 proxeccións audiovisuais do programa "Visións" e 158 de "Lingua á escena", a iniciativa da Deputación da Coruña para promocionar o uso do galego dentro do seu circuíto cultural, con propostas artísticas especializadas para convidar ao uso da nosa lingua.

Pódese consultar a adxudicación de contratos na seguinte ligazón:

https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2020/07/14/2020_0000004672.pdf 

Páxinas suxeridas