Estás en:Novas

O Plan Único da Deputación inviste preto de medio millón de euros na mellora de rúas e camiños rurais de Coristanco

Os proxectos comprenden a mellora dos accesos a Buxán, a renovación das travesías Charrúa e Calvario, da rúa Instituto e de camiños rurais nas parroquias de Couso, Oca, Cereo, Seavia, Agualada, Castro e Traba

O POS+2020 permitirá a Coristanco dotar de servizo de saneamento aos núcleos rurais de Rabadeiras, Sorribas, Rabuxante, Bormoio, Ervelleira, Nogueira e Carantos

O Plan Único da Deputación inviste preto de medio millón de euros na mellora de rúas e camiños rurais de Coristanco

O Plan Único (POS+2019) da Deputación da Coruña investirá 497.967 euros en catro proxectos de mellora de distintas rúas e camiños rurais do concello de Coristanco. As obras están en fase de licitación ata o 30 de xullo na Plataforma de Contratación do Estado.

Un dos proxectos suporá a renovación do firme e da sinalización nas travesías Charrúa e do Calvario, así coma nas rúas homónimas e na rúa Instituto. Levaranse a cabo traballos de limpeza, fresado , reparación de fochancas e pavimentacións das vías con mestura bituminosa en quente. Completarase coa dotación de nova sinalización horizontal e vertical.

Outro dos proxectos pretende mellorar a seguridade no acceso ao núcleo de Buxán, concretamente un tramo de estrada de medio quilómetro que dá acceso a este lugar desde a estrada provincial DP 1912 en Conles. Aumentarase o ancho da zona de circulación, que actualmente é de apenas 4 metros nalgúns puntos, executaranse cunetas e dotarase á vía dunha nova capa de rodaxe.

Finalmente, levaranse a cabo melloras e renovación de firmes en 11 camiños rurais do municipio, situados nas parroquias de Couso, Oca, Cereo, Seavia, Agualada, Castro e Traba .

Saneamento en sete núcleos rurais do municipio

O Plan Único ofrece aos concellos total autonomía á hora de decidir en que investir os fondos que lles achega a Deputación, permitíndolles financiar tanto este tipo obras de construción e mellora de infraestruturas públicas ou afrontar parte do seu gasto corrente, amortización de débeda etc.

Este ano, Coristanco destinará a maior parte dos fondos que lle corresponden (máis de 618.000 euros aprobados ata o momento) a dotar de saneamento a distintos núcleos rurais que carecen actualmente deste servizo. Rabadeiras, Sorribas, Rabuxante, Bormoio, Ervelleira, Nogueira e Carantos contarán proximamente con novas redes de saneamento cun investimento provincial que supera os 450.000 euros.

Coristanco destina demais este ano 110.334 euros a pagos a provedores e recibiu unha achega de 52.191 euros da Deputación para contribuír ao financiamento dos gastos sociais extraordinarios derivados da Covid19.

Páxinas suxeridas