Estás en:Novas

A Deputación inviste 244.541 euros na construción dunha nova rúa que prolongará a avenida Manuel Fraga da Laracha

A nova rúa conectará a avenida Manuel Fraga e a travesía Doctor López Astray pola parte posterior do Instituto Agra de Leborís

O vial contará con todos os servizos urbanísticos: beirarrúas, zona de aparcamento, saneamento e abastecemento de auga e iluminación pública

A Deputación inviste 244.541 euros na construción dunha nova rúa que prolongará a avenida Manuel Fraga da Laracha

A Deputación da Coruña financiará con 244.541,96 euros do Plan único (POS+2019) as obras de urbanización dunha nova rúa que conectará a avenida Manuel Fraga e a 1ª travesía Doutor López Astray, na parte posterior do Instituto Agra de Leborís do Concello da Laracha. As obras están en fase de licitación ata o 5 de agosto na Plataforma de Contratación do Estado.

As obras requiriron a expropiación previa por parte do Concello da Laracha de nove parcelas na zona que suman unha superficie aproximada de 9.500 metros cadrados e a explanación das terras, que serán urbanizadas para acondicionar unha nova rúa que dará servizo a esta zona do municipio onde se concentran distintas infraestruturas deportivas e educativas.

A prolongación da avenida Manuel Fraga, duns 200 metros de longo, contará cunha calzada de 7 metros de ancho, con carrís de 3,50 metros en cada sentido, con beirarrúas e zonas de aparcadoiro en ambas as marxes. Mellorarase tamén a accesibilidade en toda a zona, así como a seguridade peonil coa instalación dun paso peonil elevado.

Ademais de beirarrúas e zonas de estacionamento, a nova vía contará con todos os servizos urbanos: conexión á rede de abastecemento de auga, rede separativa para saneamento e recollida de pluviais, iluminación pública e instalación de redes subterráneas de subministración eléctrica e de telecomunicacións que darán servizo ás edificacións existentes na zona.

O proxecto suporá a apertura dunha nova vía que conectará dúas rúas principais e ademais de dar servizo á zona, axudará a desconxestionar o tráfico rodado na zona centro.

Páxinas suxeridas