Estás en:Novas

Betanzos inviste 118.000 euros do Plan único nas obras de reurbanización das rúas Nova e Hórreo, no centro histórico da localidade

As obras enmárcanse no plan de rehabilitación das vías públicas en zonas de significativo valor histórico que está a acometer o Concello de Betanzos

Substituirase o pavimento de formigón por un de lousas de granito máis acorde con entorno e renovarase a rede de saneamento

Betanzos inviste 118.000 euros do Plan único  nas obras de reurbanización das rúas Nova e Hórreo, no centro histórico da localidade

O Concello de Betanzos investirá 118.060,47 euros na obras de reurbanización da rúa Nova e a rúa Hórreo, no centro histórico do municipio. A maior parte dos fondos (111.536,74 euros) serán ahegados pola Deputación da Coruña a través dos fondos adicionais do Plan único (POS+2019), mentres que os 6.523,73 € restantes proceden de fondos propios do municipio.

As obras, que están en fase de licitación ata o 30 de xullo, enmárcanse no plan de mellora das rúas do centro histórico que está a acometer o Concello de Betanzos e suporán unha renovación en profundidade destas vías, recuperando o carácter nobre e ordenado coherente co seu emprazamento.

O proxecto suporá a demolición dos actuais pavimentos de formigón para a súa substitución por outros máis acordes co contorno, que contribuirán á súa revalorización patrimonial, social e turística. O novo pavimento executarase en lousas de granito silvestre en todo o seu trazado, incluíndo a banda de rodadura dos vehículos.

Desaparecerán as bandas pintadas dos pasos de peóns, que se identificarán coa ubicación de sinais e balizas e que irán a idéntica rasante ca o resto dos pavimentos, eliminando completamente as barreiras arquitectónicas de acordo coa normativa vixente.

Renovarase tamén toda a sinalización urbana sobre postes metálicos e as papeleiras, que serán substituídas por outras de aceiro segundo o modelo proposto polo Concello de Betanzos.

As obras inclúen tamén a renovación completa da rede de saneamento, substituíndo as antigas canalizacións de formigón por unhas novas de PVC de 250 mm de diámetro e separando a rede de recollida de pluviais de forma separativa. Acometeranse novos pozos de rexistro, arquetas e sumidoiros.

Páxinas suxeridas