Estás en:Novas

A Deputación cofinancia as obras de reurbanización do acceso á rúa Forno de Noia

As obras, en fase de licitación, suporán un investimento de 60.498 euros e darán continuidade ás actuacións de rexeneración urbana do Malecón de Gasset, recuperando este espazo tradicional da vila

A Deputación cofinancia as obras de reurbanización do acceso á rúa Forno de Noia

A Deputación da Coruña e o Concello de Noia investirán 60.498,12 euros nas obras de acondicionamento do acceso á rúa Forno. As obras, en fase de licitación, contarán cunha achega de 49.333,23 euros de fondos adicionais do Plan único (POS+2019) para o seu financiamento mentres que os restantes 11.164,89 serán achegados con fondos propios do Concello de Noia.

O proxecto contempla a reurbanización do tramo comprendido entre o final do proxecto denominado "As Portas do Mar" e o acceso á rúa Forno, completando o acondicionamento dun dos espazos públicos máis importantes da vila de Noia, en relación directa co mar.

Esta zona conta actualmente con firmes de diversos tipos e cun estado importante de desgaste e deterioración, polo que se levarán a cabo obras para dar continuidade ás realizadas no Malecón de Gasset, instalando novos pavimentos acordes co contorno histórico a base de lousas de granito silvestre e granito gris alba en continuación co banco corrido, que serve de memoria da antiga muralla que rodeaba á vila que foi "o porto de Compostela" e na que se atopaba a "Porta do Forno", unha das doce portas que permitían o acceso intramuros.

O proxecto contempla tamén a instalación dunha nova rede de recollida de pluviais e dun sistema de iluminación decorativa acorde co contorno, composto por báculos tipo Alve Marina de alturas diferentes que semellan mastros dos barcos nun porto marítimo.

Páxinas suxeridas