Estás en:Novas

O proxecto "A Vila do Mañá" adáptase á nova realidade dos espazos urbanos despois do coronavirus

Máis de dous mil nenas e nenos participaron no programa para construír un espazo que teña as persoas no centro

O proxecto conta co apoio da Deputación da Coruña a través da liña de proxectos culturais singulares

O proxecto

O proxecto "A Vila do Mañá" inaugura a súa segunda fase na que adaptará a súa programación á nova realidade creada despois da aparición do coronavirus e á necesidade de modificar os espazos urbanos á medida das persoas. O responsábel da Área de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto e a directora do proxecto, Sandra González, fixeron balance da actuación na que xa participaron máis de dous mil nenos e nenas de distintos concellos galegos.

Representantes dos concellos que forman parte do programa "A Vila do Mañá" participaron na Deputación da Coruña na presentación dunha nova etapa do proxecto que ten como fin construír un futuro mellor no territorio, no que as persoas teñan unha visión distinta e unha relación diferente coas cidades e vilas.

O deputado de Cultura, Xurxo Souto, definiu a iniciativa como "un proxecto para cambiar as vilas e as cidades para as nenas e os nenos e a veciñanza en xeral, recuperar o lugar onde vivimos para as nosas crianzas cun programa para as persoas, transversal, para que o espazo urbano deixe de ser hostil para humanizarse". Lembrou que "A Vila do Mañá" recibía apoio da Deputación da Coruña a través da liña de proxectos singulares co que a Área de Cultura busca promover propostas de especial interese que teñan nos seus obxectivos o desenvolvemento cultural e o valor engadido do seu carácter social.

A directora do proxecto, Sandra González, explicou que o punto de inicio está na reflexión de Francesco Tonucci que afirma que as cidades "vendéronse, prostituíronse" para, a través dun programa de "urbanismo de guerrilla" recuperar "o espazo urbano para as persoas, devolver a cidade a quen lle ten que pertencer partindo dos nenos e nenas que son tamén o seu futuro".

Cando as crianzas se apropian das cidades

Todas as actividades programadas nas que participaron máis de dous milleiros de crianzas teñen unha parte lúdica na que son as nenas e os nenos os que constrúen os propios espazos, apropiándose deles e vivindo as cidades e as vilas coma nunca o fixeran.

A presentación que hoxe se desenvolveu na Deputación da Coruña celebrouse catro meses despois do previsto ao adiarse desde o día 11 de marzo pola aparición do coronavirus. Cancelada quedou tamén a viaxe a Brasil da súa directora para continuar o programa que xa iniciara tamén en Sao Paulo. "Desde entón estivemos pechados tres meses e apareceu a cidade post covid e novas estratexias que se teñen que aplicar sobre a maneira de vivir os espazos e as distintas distancias sociais", explica Sandra González que anuncia que estas novas circunstancias se aplicarán á nova fase da programación que se reanudará no mes de agosto en Malpica de Bergantiños.

"A Vila do Mañá" é un proxecto educativo e de divulgación, cuxo obxectivo é que dende a infancia e a través do xogo se tome conciencia de todas as escalas do común: a arquitectura, o patrimonio tanxible e intanxible, o urbanismo e a paisaxe. O reto principal é que a infancia e a adolescencia estean presentes de forma activa nos procesos de construción do espazo común (praza, barrio, cidade...) dotándoos das ferramentas necesarias para desenvolver a súa creatividade, dende a arte e a arquitectura.

O fin é provocar o espertar dunha nova mirada sobre os espazos nos que desenvolven a súa vida. "A Vila do Mañá" está a desenvolverse mediante diferentes obradoiros en distintos concellos galegos como Rianxo, Ames, Verín, A Pobra do Caramiñal, Mondoñedo, Ribeira, Carballo, Bueu, Vilagarcía de Arousa, Cambados, Arteixo, Malpica de Bergantiños – Buño, Santiago de Compostela e Ferrol e en centros educativos como o Colexio San Francisco en Vilagarcía de Arousa, e o Liceo A Paz na Coruña.

Á presentación, ademais do deputado Xurxo Couto e a directora Sandra González asistiron tamén o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños Sánchez, o alcalde de Malpica de Bergantiños, Walter Pardo Añón; a primeira tenente alcalde de Carballo, Milagros Lantes Seara; a primeira tenente alcalde de Ribeira, María José Sampedro Fernández, a concelleira de Vilagarcía de Arousa, Paola María Mochales e a concelleira de Arteixo, Inés Ramos Álvarez.

Xunto con representantes dos concellos participaron tamén o presidente da Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural de Galiza, Carlos Henrique Fernández Coto e a subdirectora de Relacións Internacionais e Estudantado da Escola Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña, Zaida García Requejo.

Máis información en www.aviladomaña.com Gabinete de Prensa Deputación da Coruña

Páxinas suxeridas