Estás en:Novas

A XLII Mostra de Teatro Galego de Cariño ofrece, coa colaboración da Deputación da Coruña, dúas semanas dos mellores espectáculos da nosa escena

Do 9 ao 21 de agosto terá lugar a XLII Mostra de Teatro Galego de Cariño que ofrecerá dúas semanas dos mellores espectáculos para público infantil e adulto.

A XLII Mostra de Teatro Galego de Cariño ofrece, coa colaboración da Deputación da Coruña, dúas semanas dos mellores espectáculos da nosa escena

O responsábel de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, xunto co alcalde de Cariño, José Miguel Alonso Pumar e o concelleiro de Cultura, Jonathan Miranda, participaron na presentación da XLII Mostra de Teatro Galego de Cariño, decana de Galiza, que terá lugar do 9 ao 21 de agosto

No acto, Xurxo Couto destacou a calidade da programación da Mostra e a necesidade de "descentralizar a cultura, que se desenvolva non só en grandes cidades senón tamén en concellos pequenos que, como Cariño, propoñen unha oferta de calidade e se converten en referencia da programación teatral de verán".

As mellores compañías teatrais de público infantil e adulto actuarán durante dúas semanas en diferentes espazos do concello aplicando os protocolos de seguridade impostos pola aparición da Covid19. O teatro na rúa, na Praza do Campín, seguirá sendo gratuíto pero desenvolverase nun recinto pechado ao aire libre para o que se necesitará reservar entrada para acceder.

O día inaugural, domingo 9 de agosto, Barafunda Animación representará 'Aguillóns de Ortegal', unha creación específica da compañía para Cariño que comezará a partir das 12:30 horas de modo itinerante polas rúas do concello. Ás 20.30 horas terá lugar o acto oficial de presentación na Praza do Campín, no que se entregará o premio do público e o premio do público infantil da pasada edición a Malasombra Producións con 'Bernarda' e a Magín Blanco e Teatro Ghazafelhos con 'A nena e o grilo máis alá'. Como colofón, terá lugar o concerto de Festicultores Troupe. A primeira semana estará dedicada ao teatro infantil e para toda a familia.

No Auditorio e sempre ás 12 horas representaranse 'Carabela' de Galeatro o 10 de agosto, 'O sal do mar e outros contos mariñeiros' de Teatro del Andamio o 11 de agosto, 'Cartóons' de Excéntricas o 12 de agosto, 'Lambetadas' de Talía Teatro o 13 de agosto, 'Contos do recreo' de Redrum Teatro o 14 de agosto. Na Praza do Campín o 15 de agosto ás 12 horas 'Forzu2' de Circo Chosco e ás 20:30 horas 'Te veo' de Compañía Vaya – B-Side.

O 16 de agosto ás 12:00 horas partirá da casa consistorial o espectáculo de animación na rúa 'Animacreques' de Catropés; ás 13:15 horas na praza do Campín 'Concerto con fusión' de Píscore e ás 20:30 horas 'Ohlimpiadas' de Compañía La Sincro. Ademais, o xoves 13 de agosto a partir das 21 horas o poeta cariñés Paulo Maestro, gañador do Slam Poetry Compostela 2019 presentará o seu traballo 'Non hai dous sen trece' no local social da casa consistorial.

A segunda semana centrarase no teatro adulto. No Auditorio Municipal e sempre ás 22:15 representaranse o 17 de agosto 'Curva España' de Chévere Teatro, o 18 de agosto 'As virxes salvaxes' de Teatro do Noroeste, o 19 de agosto 'Medida x medida' de Excéntricas, o 20 de agosto 'Dúas donas que bailan' de Teatro do Atlántico, e a clausura do 21 de agosto correrá a cargo da Companhia do Chapitô portuguesa coa súa obra 'Electra'.

Toda la programación pode consultarse na páxina web oficial del evento www.mostrateatrocarino.gal