Estás en:Novas

A Deputación comeza a reconstrución do terraplén caído na estrada DP 0905 en Monfero

Tragsa encárgase da execución dos traballos que suporán a construción dun novo muro de dique de cinco metros de altura e catro de cimentación

A Deputación comeza a reconstrución do terraplén caído na estrada DP 0905 en Monfero

A Deputación comezou estes días as obras de estabilización do talude e reconstrución do terraplén da estrada DP 0905 en Monfero, onde o pasado inverno, por mor das inclemencias meteorolóxicas, produciuse un escorregón de terras que afectou á sección do carril esquerdo, o que motivou un peche parcial da vía por esa marxe para garantir a seguridade do tráfico.

O deputado responsable da Área de Vías e Obras, José Manuel Pequeño, explicou que Tragsa, como medio propio da Deputación que forma parte dos accionistas do grupo, encárgase dos traballos de estabilización do talude, que consisten na execución dun muro de dique de 5 metros de altura e 4 de cimentación de substrato rochoso que dará soporte á zona onde se produciu a escorregada de terras e estenderase preventivamente ás zonas onde se produciron gretas.

Co fin de dotar de maior rixidez a cimentación do muro para unificar os asentos, reforzaranse os bloques situados no arranque do muro co vertido de formigón nos ocos. Durante as obras manterase en servizo un dos dous carrís da estrada en todo momento.

O prazo de execución das obras é de dous meses, polo que se prevé que os traballos de reconstrución do terraplén estean completamente rematados antes da chegada do mal tempo.

Estabilización de taludes para evitar desprendementos

Dentro dos traballos do Plan de conservación, o Servizo de Vías e Obras da Deputación da Coruña está a executar tamén nesta mesma estrada traballos de estabilización de taludes.

Técnicos do servizo instalan mallas metálicas con ancoraxes de aceiro ou inxectan formigón proxectado nos puntos de máis risco, para evitar posibles desprendementos que afecten a rede viaria.

Páxinas suxeridas