Estás en:Novas

A Deputación da Coruña triplica o orzamento da casa de acollida de Ferrol

A deputada de Igualdade, María Muíño, defende un maior compromiso das institucións coas mulleres vítimas da violencia machista.

A achega da Deputación pasa de 32.569,77 € a 100.891,64 €

A Deputación da Coruña triplica o orzamento da casa de acollida de Ferrol

A casa de acollida de Ferrol pasará a recibir da Deputación da Coruña 100.891,64 € anuais, un incremento de case 70.000 que triplica os 32.569,77 € do anterior exercicio. A deputada responsábel da Área de Igualdade, María Muíño, destaca que este aumento, "supón o recoñecemento da necesidade de recursos de calidade para contribuír a paliar a situación pola que pasan as mulleres vítimas de maltrato".

O pleno da Deputación da Coruña aprobará este venres día 31 de xullo, o incremento de case 70.000 € na achega á casa de acollida de Ferrol que ve así triplicado o orzamento que recibe da institución provincial.

"Trátase dun incremento que trata de responder ás urxencias das mulleres que padecen o maltrato no momento en que máis o precisan que é cando tratan de buscar unha vida nova á marxe de quen exerce a violencia machista", sinala María Muíño que defende tamén a necesaria implicación das institucións á hora de previr e poñer fin ao feminicidio.

Neste sentido, o aumento da achega trata de dar resposta aos informes de necesidades que cada ano a Deputación recibe dos propios recursos co fin de adaptar os orzamentos ás necesidades. Entre outras cousas, as modificacións das condicións inclúen a eliminación da reserva de prazas para concellos co fin de se adaptaren á rede galega de acollemento e ser, deste xeito, máis áxiles no ingreso de mulleres vítimas de violencia machista.

Por outra parte, os cambios permitirán engadir no orzamento gastos complementarios de mantemento relativos á contratación de actividades, servizos profesionais, ludotecas ou servizos de conciliación, entre outros. No caso da casa de Ferrol, o incremento contempla a contratación de persoal especializado e con dedicación exclusiva como se recolle nun convenio que inclúe tamén o compromiso da Deputación de achegar formación profesional para o persoal de xeito anual. En concreto, tras a sinatura do convenio procederase á contratación dunha auxiliar coidadora e unha traballadora social, ambas con xornada completa.

No pleno aprobarase tamén o convenio para o mantemento xeral da casa de acollida no Concello de Culleredo, recursos que a Deputación financia desde o ano 1992 e que forman parte do PRAM que se aprobou no ano 2017 para a mellora da súa coordinación e funcionamento, axilizar o ingreso das mulleres e tamén para dar apoio técnico, plan que foi premiado pola FEMP e a Secretaría de Estado de Igualdade no ano 2018.

Proximamente irá a pleno o convenio co Concello da Coruña para o mantemento da casa de acollida e dous pisos de inclusión e transición á vida autónoma cunha achega de máis de 120.000 euros. Gabinete de Prensa Deputación da Coruña

Páxinas suxeridas